A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia o lanzamento da novela visual interactiva ‘Ti Primeiro’, de Melgo Cinema

Hoxe tivo lugar a presentación deste proxecto, que estará dispoñible no mes de agosto en formato app para dispositivos móbiles a nivel internacional

O pazo provincial acolleu hoxe a presentación da novela visual interactiva ‘Ti Primeiro’, de Melgo Cinema, un proxecto innovador que está apoiado pola área de Cultura da Deputación da Coruña a través da súa liña de subvencións para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural.

A novela terá o seu lanzamento internacional no mes de agosto en formato app para dispositivos móbiles. Está escrita, dirixida e producida por Roberto Alvite, fundador da produtora galega Melgo Cinema, esta aplicación móbil realizada con imaxe real invita ao usuario a vivir unha experiencia inmersiva única mediante unha nova narrativa que explora as relacións de parella actuais e a súa evolución co paso do tempo.

A través da aplicación os usuarios terán a oportunidade de introducirse na intimidade dunha parella e escoller o camiño dos dous protagonistas. A partir deste verán os tres capítulos, de 60 minutos cada un, que compoñen a experiencia estarán dispoñibles simultaneamente para iOS e Android en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil.

O primeiro capítulo estará dispoñible de xeito gratuíto e os outros dous por un importe conxunto e único de 4,99 euros. ‘Ti Primeiro’ aborda temas como o amor, a amizade, o desexo e a pérdida desde unha mirada fresca, lúdica e libre de prexuízos. A través da aplicación os usuarios decidirán de xeito interactiva e inmersiva as sorpresas, xiros e revelacións desta aventura romántica.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, explicou que “apoiamos esta iniciativa pola súa singularidade e polo interese social e cultural a través dunha liña de subvencións que, o ano pasado, destinou 260.000 euros a 22 proxectos” e incidiu en que é “un proxecto singular por varias razóns, a primeira porque conxunga varias linguaxes, a audiovisual, a literatura e os videoxogos, a segunda porque permite a interacción da persoa usuaria no relato á que se pode acceder na nosa lingua e, por último, porque a narrativa visual ten A Coruña entre un dos seus escenarios”.

Ademais, valorou a traxectoria da liña de axudas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural xa que “grazas a ela temos contribuído a que iniciativas de gran interese se fagan realidade” e “sobre todo este ano, de maneira especial, en que o sector padeceu os efectos da pandemia, consideramos que é máis preciso ca nunca que as institucións se comprometan en apoiar ao sector privado da Cultura”.

Pola súa banda, Roberto Alvite agradeceu á Deputación “o traballo que está a facer no eido cultural xa que, ademais de vontade para iniciar proxectos, necesítanse recursos” e explicou que “o tipo de proxectos nos que traballamos en Melgocinema buscan tratar realidades do día a día nas que nos poidamos ver identificados, neste caso moi particularmente a mocidade”.

Na presentación tamén participaron Iris Darriba, actriz coprotagonista, que expresou que “foi un reto a nivel actoral porque a forma de traballar era diferente, a creación de personaxe tiña que ter moi claro cal era a emoción e o fotograma clave que se quería conseguir para poder estruturar sobre el o resto do diálogo” e a representante de Triodos Bank, Claudina Suárez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.