A “Arqueoloxía en Pandemia”, un ciclo que chega ao Pazo de Liñares reivindicanco unha profesión “moi valiosa para a toma de decisións”

Carmela Silva: “A Deputación é moi consciente de que o coñecemento está nas expertas e expertos”

Co gallo do Día Internacional da Arqueoloxía, que se celebra cada ano o 28 de xullo, a Deputación de Pontevedra e a Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) organizan “Arqueoloxía en Pandemia”, unhas xornadas nas que participarán profesionais e persoas investigadoras de toda Galicia. Tal e como anunciaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o presidente de AEGA, Ángel Concheiro, as actividades terán lugar os días 28 e 29 de xullo no Pazo de Liñares (Lalín). O prazo de inscrición está aberto dende este mesmo venres ata un día antes do inicio das actividades. Ademais, para todas as persoas que queiran coñecer de preto o Centro de Xestión Arqueolóxica que a Deputación ten en Liñares, levaranse a cabo durante estes dous días xornadas de portas abertas en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Carmela Silva amosou a súa ledicia por realizar estas xornadas. Así afirmou que “a arqueoloxía ten unha enorme capacidade de atracción turística e de referenciarnos como unha provincia que aposta polo seu patrimonio”, destacou. “A Deputación é moi consciente de que o coñecemento está nas expertas e expertos e que son elas e eles quen nos teñen que acompañar na toma de decisións, que a arqueoloxía é moi valiosa no eido público”. Neste senso, considerou moi relevante a colaboración e axuda dun colectivo como AEGA que representa ao colectivo profesional que se dedica a este campo.

Ángel Concheiro explicou que con estas xornadas “imos demostrar que a arqueoloxía empresarial está ao servizo da divulgación do coñecemento e non baixo o mando das grandes empresas”. Así subliñou que a práctica totalidade das/os arqueólogas/os son persoas autónomas ou pequenas empresas. “Á parte de facer traballo e obra tamén facemos ciencia e divulgamos coñecemento; estas xornadas amosarán que a ciencia arqueolóxica galega é punteira e extraordinaria”. Concheiro cualificou a Pontevedra provincia como “a proa da arqueoloxía en Galicia” e resaltou o compromiso da Deputación con esta rama do coñecemento. O presidente de AEGA explicou que o propio título das xornadas “é moi revelador” posto que a pandemia “supuxo unha merma moi grande dos ingresos” no sector. “Eu vivín moitas crises; pero como esta da Covid19, ningunha”. A Covid-19 trouxo canda si a adaptación aos novos tempos e as e os membros de AEGA aproveitaron este período para actualizarse, modernizarse e mellorar os seus coñecementos, tal e como indicou o presidente da asociación.

Programación

“Arqueoloxía en Pandemia” comezará o mércores 28. A primeira charla, titulada «Chove sobre mollado. Unha PEME de arqueoloxía e xestión de patrimonio en pandemia», chegará da man de Israel Picón, de Citania Arqueoloxía. Despois Yolanda Álvarez e Luis Francisco López, de Terra Arqueos, amosarán «Dous exemplos de actuacións arqueolóxicas de posta en valor en castros das Rías Baixas: Castrode Montealegre (Moaña) e Castro da Cidá (Ribeira)». A continuación Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía e restauración, centrarse na “Arqueoloxía en Lalín en tempos de pandemia».

Na súa quenda de palabra, Juan Manuel Galiña e Eduardo Breogán Nieto, de Breogán Arqueoloxía, falarán sobre o «Castelo da Piconha (Calvos de Randín, Ourense): a recuperación dun singular espazo interfronteirizo a través da arqueoloxía» e Purificación Soto versará sobre as «Actividades de mantemento arqueolóxico no concello de A Laracha (A Coruña): Castro de Montes Claros e pedrafita de Marco da Anta». Esta primeira xornada rematará cunha actividade titulada «Encontros ao aire libre: visita guiada ao Castro de Doade, Lalín”, que correrá a cargo da directora da escavación, Vanesa Trevín, de Cadro Arqueoloxía.

Durante a mañá do xoves 29 persoal de Tempos Arqueólogos amosarán como é a «Arqueoloxía en pandemia. Traballos arqueolóxicos no sector Sur do Castro e Mosteiro de Cálago, Vilanova de Arousa (Pontevedra)» e despois María del Carmen Cabezudo, de Lesering, falará sobre o «Control arqueolóxico de segunda fase de restauración da igrexa de Santa baia de Palio, Cercio, Lalín». Cristina Seoane pechará este ciclo de charlas cunha ponencia sobre «Investigación en tempo de pandemia: o esqueuomorfismo como xeito de achegarse aos materiais arqueolóxicos». A xornada rematará cun obradoiro con materiais no Centro de Xestión Arqueolóxica da Deputación de Pontevedra no Pazo de Liñares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.