A Banda de Música de Vilatuxe dará un concerto en Lugo este sábado

A actividade está organizada pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, e conta coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo

Banda de Música de Vilatuxe chegará mañá a Lugo para dar un concerto dentro do ciclo O País das Bandas, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, e que conta coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo para a mostra deste sábado.

A praza de San Marcos acollerá o concerto da Banda de Música de Vilatuxe mañá, a partir das 12:30. O concerto terá unha duración aproximada de unha hora e terá un repertorio formado en preto do 60% con temas galegos, e complementado con temas coñecidos para banda. En caso inclemencias meteorolóxicas, o concerto trasladarase á carpa habilitada na praza da Soidade.

O programa O país das bandas está promovido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e englóbase dentro da programación do Xacobeo 2021. Conta con preto de cen concertos a cargo de máis de setenta agrupacións galegas distribuídas por toda Galicia.

Programa do concerto

– El Meu Iaio (Ferrer Ferrán)
– Danzas Armenias (Alfred Reed)
– Cavaleiros de Santiago (X. Luís Represas Carrera)
– Libertango (Astor Piazzolla, arr. Marco Somadossi)
– Cascarexa (Ernesto Campos)
– Fantasía sobre tres temas galegos (Simón Couceiro Riveira)
– Churrusqueira (Enrique García Rey)
– Muiñeira de Chantada (Victoriano Fernández García)
– Muiñeira dos Pendellos (Juan Lois Diéguez)

Banda de Música de Vilatuxe

Foi fundada no ano 1942, por 12 mozos ilusionados por formar unha agrupación musical, enchendo así o baleiro cultural que existía ata aquel momento na súa parroquia sen deter a súa actividade musical ata a actualidade, a pesar das dificultades que supuxo a emigración durante os anos da posguerra.

Ó longo da súa historia, contou con numerosos directores, entre os que destacan: D. Enrique García Rey, autor da rapsodia Galega Nº1. D. Xosé Barros Sada, D. Ramón Vigo Deza e D. Jaime González Pichel.

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilatuxe ten como principais obxectivos a dinamización e potenciación da cultura musical bandística no ámbito rural sendo o seu principal interés a formación interna dos seus compoñentes. Froito deste traballo, xorden as bandas Xuvenil e Infantil de Vilatuxe.

Galardóns: 

Son varios os premios acadados. Cabe destacar os últimos e que dan idea da gran etapa que está vivindo a Banda:

  • 3º Premio da 3ª sección no 12º Certame de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra (2012).
  • En 2013, participou no prestixioso Certame Internacional de Bandas de Música de Valencia, quedando no 4º lugar da 2ª sección.
  • 1º Premio da Sección 3ª do 7º Certame de Bandas de Música de Galicia. (2013)
  • 3º Premio da Sección 2ª do 9º Certame Galego de Bandas de Música Populares.(2015)
  • 1º Premio da Sección 3ª do 11º Certame Galego de Bandas de Música Populares acadado coa súa Banda Xuvenil.
  •  2º Premio da Sección 1ª do 13º Certame de Bandas de Música de Galicia. (2019)

Dende o ano 2009, D. Victor Manuel Vilariño Salgado, está á fronte das labores de dirección das tres agrupacións e é mestre nas actividades de formación interna da Asociación.

O 2019 representou un ano de gran relevancia para a Asociación Cultural Nova Banda de Música de Vilatuxe posto que celebrou o seu 75 aniversario cun gran número de actividades, que poñen en valor a labor músico-cultural que dita Asociación desempeña no municipio de Lalín e na Comarca do Deza.

Víctor Manuel Vilariño Salgado

Inicia os seus estudos musicais á idade de 11 anos con D. Bernardo Hermida. Diplómase en 2006 e en 2010 licénciase coas máis altas calificacións no Conservatorio Superior de Música de Vigo, tendo como profesores a Adolfo Caride e Luís González.

Formou parte das seguintes agrupacións: Escola de Altos estudios musicais (2004-2006), JOSG (2006-2008), JONDE (2008- 2012), EUYO (2011- 2012) ademais de colaborar con distintas orquestra como a RFG, OSG, OCG, OSCYL, OCNE…e tendo como profesores destacados a Javier Simó, Ramón Llátser, John Aigi Hurnou Roberto Bodí, entre outros. Dende 2009 é director da Banda de Música de Vilatuxe.

Tocou como solista con diversas agrupacións, e gañou o concurso de xóvenes intérpretes» Xosé Valcárcel» ademais do prestixioso concurso que organiza a Xunta e a consellería onde tamén acada o primeiro premio. En 2011 graba un cd co pianista Alejo Amoedo nos estudios Mans. Realiza o Máster de Especialización orquestral na USC entre 2012 e 2014 ó tempo que ocupa a praza de academista na Real Filharmonía de Galiza.

Actualmente é profesor de Vento metal no Cmus profesional de música de A Estrada, e na escola da banda de música de Vilatuxe ademais de ser o seu director, continuando a súa labor de colaborador habitual con distintas orquestas do panorama nacional, e pertencendo ó prestixioso quinteto de vento metal Hércules Brass.

Foto portada: Banda de Vilatuxe (Twitter)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.