A Deputación da Coruña manifesta o seu total rexeitamento a todo tipo de discursos de odio

A Deputación da Coruña fixo hoxe no pleno unha declaración institucional na que todos os grupos que forman a corporación provincial manifestan o seu total rexeitamento a todo tipo de discursos de odio.

Os discursos de odio, que teñen a súa orixe na intolerancia, poden definirse como calquera forma de comunicación de palabra, por escrito ou a través de comportamentos, que constitúan un ataque, utilizando unha linguaxe pexorativa ou discriminatoria por razón de relixión, orixe étnico, nacionalidade, raza, cor, clase social, sexo, xénero ou calquera outro factor de identidade.

A corporación provincial rexeita o preocupante incremento que se ve nos últimos anos dos delitos contra a integridade das persoas, baseados no sinalamento excluínte da diferenza, e que moitas veces, atopan amparo ou teñen orixe nos discursos de organizacións políticas, sociais ou persoeiros políticos.

Polo tanto, a Deputación condena firmemente todo tipo de atentados contra a vida das persoas, sen cuestionar, amparar ou xustificar as circunstancias persoais das vítimas. Ademais, rexeita os discursos que pola súa natureza ou contido alentan á discriminación e que poden contribuír á xustificación de actitudes sexistas, homófobas, xenófobas… que non deben ter cabida na nosa sociedade.

Por outra banda, inclúese na declaración o compromiso de promover que todos os programas, actos ou campañas da Deputación conteñan valores compatibles coa igualdade, o respecto á diferenza e á diversidade.

Mocións dos grupos políticos

Na sesión plenaria de hoxe tamén se trataron diferentes mocións presentadas polos grupos que forman a corporación provincial.

A moción presentada pola Marea Atlántica, que incluíu unha enmenda do BNG, sobre a enerxía eólica mariña aprobouse punto por punto agás o número 3, que foi rexeitado.

Aprobouse a moción do Partido Popular para esixir ao goberno de Cuba o cesamento da violencia inxustificada contra os seus cidadáns e apoiar unha transición pacífica á democracia na que todos os cubanos poidan elixir o seu futuro en liberdade.

A moción de Alternativa dos Veciños en apoio ao pobo cubano e en defensa do levantamento do bloqueo foi aprobada.

A moción da Marea Atlántica para colaborar co Concello de Santiago para que se realice un estudo sobre a seguridade viaria e melloras na DP-0701 de titularidade provincial, para posteriormente orzar estas obras, foi aprobada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.