A Deputación financia con 225.000€ a adquisición de vehículos para nove clubs coruñeses de remo e piragüismo

O Boletín Oficial da Provincia publicou a concesión provisional das axudas, que achegarán 25.000 euros a cada entidade beneficiaria

A Deputación da Coruña apoia aos clubs de remo e piragüismo da provincia na adquisición de vehículos de uso deportivo cunha liña de axudas de 225.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a concesión provisional destas subvencións, que benefician a un total de nove entidades coruñesas: Club de Remo Muros, Club de Remo Narón, Club de Remo Olímpico do Mandeo, Club do Mar de Noia, Club Deportivo Náutico Miño, Club Náutico Firrete de Pontedeume, Club Náutico Folixa, Club Piragüismo Grupo Juvenil Puentes G.R. e Club Piragüismo Rías Baixas. Todas elas reciben unha achega de 25.000 euros para a adquisición do equipamento.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, sinalou que “con estas axudas pretendemos dar apoio aos clubs de dous deportes náuticos que contan cunha longa tradición na nosa provincia e que necesitan de medios de transporte para poder desprazarse co material necesario para desenvolver os seus adestramentos, así como para acudir ás diferentes competicións”.

A Bandeira de Traíñas, en Corcubión

Tal como anunciou onte o presidente, a ría de Corcubión acollerá no mes de setembro a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña.

Despois de que o pasado ano se suspendera a competición debido á pandemia, a área de Deportes da Deputación organiza este ano 32ª edición na categoría masculina e a 3ª na feminina, para as que se destinan un total de 24.600 euros en premios, distribuíndose en 12 equipos masculinos e 6 femininos.  O percorrido que os clubs participantes terán que facer en Corcubión  será de 5.556 metros (3 millas mariñas).

“Por primeira vez a Bandeira de Traíñas chegará Corcubión, unha vila mariñeira con tradición remeira e onde confluirán ao redor de 200 remeiros e remeiras de todo o norte de España, facendo que este municipio sexa protagonista do remo durante esa fin de semana”, destacou onte Valentín González Formoso na súa visita á localidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.