A Liga Galega de Traiñeiras chega o sábado a Mera

Este sábado día 17 de xullo celébrase en Mera a VIII Bandeira Baía de Mera. Trátase dunha regata puntuable para a máxima categoría, na que participan 12 equipos, que dará comezo ás 17:30 horas e que poderá seguirse desde toda a baía meracha.
A regata dispútase na modalidade clásica de 4 longos e 3 ceavogas. Haberá tres quendas; na primeira remarán Perillo, Muros, Esteiro e Rianxo; na segunda Vilaxoán, Puebla, Cesante e Mera e na manga de honra Mecos, Cabo de Cruz, Bueu e Meira.
Polo visto ata o de agora, despois das 4 primeiras regatas, os equipos de Bueu e Meira parten como principais favoritos para facerse coa vitoria. Tamén terá algunha opción a tripulación local que chega a esta cita nun grande momento de forma, ocupando a quinta praza da clasificación xeral a tan só 3 puntos da terceira posición. O equipo que adestra David Fernández, coa motivación extra que supón remar na casa, agarda poder completar unha boa actuación que lle permita mellorar posición na xeral da Liga.
O Concello de Oleiros subvenciona esta regata con 5.400 euros, para axudar ao Centro Deportivo Mariñeiro de Mera a sufragar os premios económicos establecidos pola Liga Galega.