A praia coruñesa de Santo Amaro acollerá do 22 ao 25 de xullo a cuarta edición da MIAT

A veciñanza poderá gozar de catro montaxes gratuítas, para as que se precisará invitación, en que o clásico e o contemporáneo se combinarán con cabaré e unha obra pensada para a cativada na que será a edición máis longa

A praia de Santo Amaro acollerá do 22 ao 25 de xullo a cuarta edición da MIAT (Mostra Internacional Area de Teatro), a máis longa de todas as entregas deste festival, que terá capacidade para 300 espectadoras/es con invitación gratuíta. A mostra, que incluirá citas pensadas para o público infantil, obras de cabaré e dos xéneros clásico e contemporáneo, é unha firme aposta do Goberno de Inés Rey por achegar o teatro á cidadanía e consolidar así este evento con montaxes de natureza moi diversa.

Así, o ciclo comezará o xoves día 22 co espectáculo de cabaré inspirado no cancioneiro galego “O candil”, a cargo da Escola Galega de Teatro Musical, e seguirá o 23 con “Carabela”, dos carballeses
Galeatro Cía. de Teatro, unha peza construída para que as/os pequenas/os da casa e tamén as persoas adultas aprendan valores ecolóxicos. A agrupación levará unha mensaxe de conciencia ambiental sobre todo o que contaminan os plásticos que se botan ao mar precisamente a carón do Atlántico e nunha actividade en que Noite Bohemia volverá a actuar ao aire libre.

Despois de acadar un grande éxito nas sesións que a compañía ofreceu en escenarios como o castelo de Santo Antón ou o Castro de Elviña, a agrupación coruñesa representará no areal o clásico “Hécuba”, a versión da obra de Juan Mayorga. O festival pecharase o día 25 con “El salto de Leucade”, en que os vascos Skene Teatro abordarán o amor de dúas mulleres e os pasos que teñen que dar
para normalizalo. Deste xeito, o Concello segue a reforzar o seu apoio á cultura neste caso, co incentivo que supón para a veciñanza o feito de poder desfrutar do teatro coa cidade como pano de fondo. As persoas interesadas poden reservar o seu convite a través da web corunacultura.sacatuentrada.es

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.