A Universidade da Coruña regula o teletraballo do persoal de administración e servizos

O reitor e os representantes sindicais de UGT, CSIF, CCOO e CIG da Xunta de Persoal asinaron esta mañá o acordo que regula a modalidade de teletraballo. O acordo está baseado na experiencia do traballo en casa vivida na pandemia da Covid-19

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou esta mañá na Reitoría, o acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo do persoal de administración e servizos (PAS), cos representantes sindicais Susana Carballal, UGT; José Antonio Bouzas, CSIF; Beatriz Regueira, CCOO; e Rubén Romero, CIG, nun acto ao que tamén asistiu o xerente, Ramón del Valle.

Tanto o reitor como os representantes sindicais parabenizáronse do acordo acadado, baseado na experiencia do traballo en casa realizado durante a pandemia da Covid-19, que foi “magnífica”, segundo apuntou o reitor. “Con esa experiencia enriquécese este documento que é o punto de partida dun acordo que se mellorará e ampliará, para que a Universidade da Coruña estea preparada para solventar calquera futura situación sobrevida”, manifestou Abalde quen valorou o labor realizado polo grupo de traballo formado polos representantes sindicais e a Xerencia.

Susana Carballal, de UGT, declarou a súa satisfacción pola firma deste acordo que “é unha medida esperada por moitos traballadores”. José Antonio Bouzas, CSIF, considerou que este regulamento é, dentro da capacidade de mellora do mesmo, “bo para o persoal e para a propia Universidade da Coruña”. O mesmo opina Beatriz Regueira, CCOO, quen engadiu que “agora hai que poñelo en marcha e pulilo”. Pola súa banda, Rubén Romero, de CIG, valorou tamén o documento. “Está ben conseguir un acordo para o teletraballo pois vai protexer aos traballadores”, dixo. Finalmente, o xerente agradeceu a dedicación de todas as persoas que integraron o grupo de traballo para acordar este documento “ben fundamentado”, e subliñou o seu alcance ao ser “froito dun traballo interno da institución”.

O documento define o teletraballo como a prestación de servizos a distancia, sempre que as necesidades do servizo o permitan, fóra das dependencias da UDC mediante o uso de tecnoloxías da información e comunicación. O acordo especifica aqueles postos que non se poden realizar a distancia como os que se desenvolven nas oficinas de rexistro, os que impliquen manexo de información non dixitalizada ou aqueles que só se poidan prestar de forma presencial, entre outras excepcións ao teletraballo.

Así mesmo, para poder acollerse a esta modalidade, o persoal deberá acreditar que cumpre unha serie de requisitos como, entre outros, ter coñecementos informáticos e telemáticos que garantan a súa aptitude para teletraballar así como dispoñer de conexión a internet. A opción de teletraballo será voluntaria para o persoal e reversible tanto para o traballador como para a universidade.

As unidades administrativas deberán contar cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 50% dos seus efectivos que garanta suficientemente as necesidades do servizo. O número máximo de xornadas de teletraballo non poderá superar o 50% das xornadas laborais mensuais e deberá garantirse que cando menos un día á semana todo o cadro de persoal da unidade preste servizo de forma presencial simultaneamente. As persoas responsables do servizo non poderán teletraballar máis de dous días á semana.

O acordo contempla tamén o dereito á desconexión dixital. Para cumprilo non se permitirá o acceso ás plataformas da UDC fóra do horario de traballo ordinario, nin durante as fins de semana e días non laborables.

A Universidade da Coruña poderá utilizar ferramentas informáticas e procedementos, garantindo a intimidade das persoas, para comprobar o traballo que se está realizando na modalidade de teletraballo, así como o horario do mesmo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.