A Xunta inicia en Pedrafita as actuacións de mellora da seguridade de 36 puntos do Camiño na provincia de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Goberno galego acometerá traballos de reforzo da sinalización e mellora da accesibilidade para facilitar unha mobilidade máis segura en treitos da ruta que conflúen con vías autonómicas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou en Pedrafita do Cebreiro a primeira das 36 actuacións previstas para mellorar a seguridade en cruces e treitos do Camiño de Santiago que conflúen con estradas autonómicas ao seu paso pola provincia de Lugo, ás que destina un orzamento global de 466.800 euros.

Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, no transcurso dunha visita para comprobar a marcha dos traballos iniciados hai unha semana na etapa entre O Cebreiro e Liñares, que transcorre por un tramo do Camiño Francés paralelo á estrada LU-633 no concello de Pedrafita.

Nesta contorna mellorarase o firme do Camiño cun pavimento de pedra e reforzarase a sinalización na vía para alertar da presenza de peregrinos, co fin favorecer unha mobilidade máis segura.

Así, está previsto instalar dous fitos do Xacobeo para advertir do cruce coa estrada; paneis de advertencia de perigo con balizas luminosas; paneis reflectantes; sinais de limitación da velocidade a 40 quilómetros/hora e unha marca viaria continua con resalto. Tamén se realizarán rozas para aumentar a visibilidade.

Arias explicou que as intervencións programadas na provincia levaranse a cabo en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. Así, no Francés está previsto actuar na LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, cun investimento total de 136.800 euros para realizar 13 melloras.

Os traballos desenvolveranse este ano e de feito, na provincia de Lugo xa comezou onte unha segunda actuación nun tramo do Camiño Francés que vai paralelo á LU-633 en Gonzar (Portomarín). Nesta contorna reforzarase a sinalización, protexerase un tramo de 180 metros con barreira de seguridade e acondicionarase o firme da senda.

Pola súa banda, no Camiño Primitivo destínanse 251.500 euros a 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno está previsto intervir en seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada, cun investimento de 61.000 euros.

Por último, faranse melloras por un total de 17.500 euros na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

No conxunto da Comunidade, o Goberno galego prevé a execución de 70 actuacións deste mesmo tipo no ano 2021, cun orzamento que ascende a 1,42 M€.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.