ADIF (Ministerio de Fomento) e o Concello de Ourense estragan un refuxio biolóxico no centro da cidade.

Ourense está gobernada por negacionistas que atentan a cotiá contra o patrimonio natural, a humanización da cidade e o seu futuro.

Amigas das árbores, Ourense
Estámonos comportando como un virus…Ten que haber parques, zonas verdes, avenidas con árbores, as árbores e as plantas deberían estar por todas partes, dentro e fora das casas.
Fanse moitos cumios, informes, directivas, mais todo é puro teatro. É hipocresía… (Stefano Mancuso, científico e profesor).
En Ourense houbo un mestre que coidou un recuncho no Barrio das Lagoas e paseniñamente foi creando un pequeno ecosistema con moitas árbores, limpou e arranxou un regatiño que nacía no tunel de San Francisco, incluso fixo unha fonte. As árbores que foi prantando o Sr. Arturo Díaz xunto co regatiño convertíronse no refuxio de moita e variada avifauna, incluso dunha colonia de sapos.
Un refuxio biolóxico de moito valor no medio da cidade de Ourense, feita con agarimo e mostra de sabiduria e humanidade.
Hoxe, 20 de xullo do 2021 entre o Concello de Ourense e ADIF (Ministerio de Fomento) eliminaron unha boa parte das árbores que deixou en herdanza o Sr. Arturo Díaz. Arrasaron con amendoeiras, loureiros, sabugueiros, palmeiras…estragaron o refuxio de fauna e este recuncho de biodiversidade no centro da cidade.
Mentres nos países civilizados tratan de humanizar as cidades coidando dos seus ecosistemas, creando corredores ecolóxicos, protexendo a súa biodiversidade… En Ourense hai un concello gobernado por negacionistas, arboricidas e irresponsables que estragan o patrimonio da cidade co silencio dunha sociedade inmunizada diante destas desfeitas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.