Adxudicada a ampliación da DP-0510 de Confurco a Orro, en Culleredo

As obras incluirán a execución dunha nova rotonda, a mellora do trazado e a creación dunha senda peonil de dous metros de ancho, co obxectivode mellorar a seguridade no tráfico rodado e peonil

A Deputación da Coruña vén de adxudicar po 1.067.267.71 euros as obras de ampliación da estrada provincial DP-0510 ao seu paso polo concello de Culleredo. O contrato, asinado esta mañá na sede da institución provincial, permitirá realizar o ensanche, mellora da estrada e creación dunha senda no tramo que conecta o núcleo de Confurco, en Culleredo, co de Orro.

A actuación enmárcase dentro do Plan de Investimento en Vías Provinciais e a través dela efectuaranse importantes melloras no vial desde o seu inicio, na intersección coa vía provincial DP-3109, ata o punto quilométrico 2+940. Unhas tarefas que permitirán incrementar a seguridade ao longo destes tres quilómetros do vial, mellorando os accesos aos núcleos de Figueiras e As Caíñas, así como creando espazos máis seguros para as persoas que circulan por este tramo.

A calzada actual conta cun ancho medio de 5 metros que se ampliará para albergar dous carrís de circulación de 3 metros, beiravías de medio metro cada unha e unha cuneta de 0,75 metros na marxe esquerda. Ademais, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que residen e transitan pola contorna, construirase unha senda de 2 metros de ancho na marxe dereita da vía.

Dentro das tarefas inclúense o tratamento de accesos e interseccións, adecuación da velocidade ás características da vía e ordenación de accesos. Á súa vez, tamén se construirá unha glorieta no punto quilométrico 2+000 co obxectivo de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos máis perigosos para o tráfico rodado e peonil.

O ente provincial xa destinou 136.313,65 euros para a adquisición dos 141 terreos de prado, monte e labradío necesarios para levar a cabo esta obra.

O Concello de Culleredo asumirá as obras de saneamento na estrada. Consistirán na colocación de colectores baixo a cuneta, coa instalación de rexistros. Con esta obra poderase logo derivar o servizo a ramais interiores.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa adxudicación desta importante obra, a Deputación da luz verde definitiva a unha antiga demanda do Concello de Culleredo e segue apostando pola mellora da seguridade vial e peonil nas estradas provinciais.

O alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, manifestou tamén a súa satisfacción pola posta en marcha das obras, un proxecto moi esperado pola veciñanza de Orro, que comezará este mesmo verán e contarán cun prazo de execución de un ano.

Rioboo salienta que a realización desta actuación abrirá as portas a acometer proxectos de mellora no interior do núcleo, para o que era preciso desenvolver primeiro a ampliación da estrada principal e dotación de saneamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.