Arias di que o polígono de Muimenta reforzará o seu papel estratéxico na Terra Chá coa ampliación que impulsa a Xunta

O delegado territorial de Lugo resaltou que a Administración galega vén de adxudicar as obras para urbanizar 25.100 metros cadrados do parque empresarial, ás que destina 1,3 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que o parque empresarial de Muimenta (Cospeito) reforzará o seu papel estratéxico na economía deste concello e da comarca da Terra Chá coas obras de ampliación previstas.

No transcurso dunha visita ao polígono acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, Arias apuntou que a Administración galega vén de adxudicar as obras de urbanización da fase A-1 da ampliación desta área industrial, nas que investirá 1,3 millóns de euros. Unha vez iniciados os traballos, teñen unha duración estimada de oito meses.

A ampliación do parque empresarial de Muimenta ocupará unha superficie de 25.121 metros cadrados, dos que 12.979 estarán ocupados por 15 parcelas con dimensións que oscilarán entre 700 e 1.525 metros cadrados cada unha.

O contrato inclúe actuacións de urbanización, electrificación, canalizacións de saneamento, acometidas de abastecemento ás parcelas, alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar o tráfico procedente da estrada LU-120.

Tamén se definirán estruturas viarias, máis de 6.800 metros cadrados de zonas verdes e mobiliario urbano -bancos de madeira, papeleiras… – para integrar e humanizar este espazo. Disponse tamén unha área de xogos infantís, valada e dotada de pavimento elástico.

Ampliación en tres fases

A Xunta planifica ampliar o polígono de Muimenta en tres fases que sumarán preto de 145.000 m2 distribuídos en 54 novas parcelas.

O Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha zona industrial para Cospeito e toda a comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m2.

O parque de Muimenta leva en funcionamento desde o ano 1999 e conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que se impulsa esta actuación co fin de dar resposta á demanda de espazo para o asentamento de empresas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.