Arias subliña que as ARI “son unha oportunidade para mellorar as vivendas e o urbanismo en espazos singulares”

O delegado territorial da Xunta en Lugo lembra que ata o 16 de xullo está aberto o prazo para que poidan solicitar axudas os 13 concellos da provincia que contan con esta figura de fomento da rexeneración urbana e rural. Igualmente, ata o 30 de setembro poden pedir achegas os particulares e comunidades de propietarios situados no ámbito de influencia das ARI supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, invitou aos concellos e aos particulares a interesarse polas liñas de axudas convocadas no marco do programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, xa que supoñen -dixo- “unha oportunidade para mellorar as vivendas e o urbanismo en espazos singulares”.

Arias lembrou que actualmente están abertos os prazos para solicitar apoios ao abeiro das áreas de rehabilitación integral (ARI), tanto para os concellos como para as de carácter supramunicipal, estas últimas xestionadas directamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Así, os concellos que contan cunha ARI propia delimitada poden presentar solicitudes ata o día 16 de xullo. Na provincia de Lugo ascenden a 13: Lugo e Ribadeo – que dispoñen de dúas cada un- así como Chantada, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Sarria, Sober, Vilalba, Viveiro e as máis recentes de Guitiriz e Castro de Rei, declaradas en novembro do 2020 e febreiro deste mesmo ano respectivamente.

O obxectivo é que se leven a cabo obras de conservación, mellora da seguridade, accesibilidade ou eficiencia enerxética, entre outras, ao abeiro destas subvencións.   Igualmente, os propios concellos poden destinar parte do orzamento a acometer obras de urbanización dos espazos públicos.

Por outra banda, os propietarios poden solicitar ante a administración autonómica as axudas correspondentes ás ARI de carácter supramunicipal, que neste caso teñen o prazo aberto ata o 30 de setembro.

Na provincia poden acollerse a esta iniciativa os propietarios de vivendas situadas nos ámbitos da ARI da Ribeira Sacra e dos Camiños de Santiago, “o que suma un extenso territorio que pode beneficiarse deste programa de rehabilitación”, segundo apuntou  Arias en Bóveda, un dos concellos que forma parte da primeira.

En total, na Ribeira Sacra están incluídos 25 concellos, 13 deles lucenses e 12 ourensáns; a elo hai que sumar aos veciños e veciñas que residen nas parroquias polas que discorren as rutas xacobeas –en Lugo o Camiño Francés, o Primitivo, o Norte e o de Inverno-.

O delegado destacou a importancia destas medidas de fomento da rehabilitación “para  mellorar a calidade das vivendas e da paisaxe que nos rodea”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.