Cadernos da viaxe. O noso Día Nacional. Por Xoán Antón Pérez-Lema

Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas, o patriotismo non bate co universalismo, Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos.

Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais  definirmos dende  a vontade de sermos Nación no canto de facelo  dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino  en catro provincias  en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921) ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).

Como ven de escrebir  M. Veiga Taboada cómpre distinguirmos moi nidiamente o Santiago adoptado como Día da Patria do Santiago obxecto de homenaxe polo Estado español na Ofrenda do 25 de xullo. O primeiro é ese Santiago Peregrino protagonista da construción do Reino de Galicia como Estado europeo entre os séculos IX e XIII, a fin dos camiños xacobeos no cabo da Europa. Un referente dunha Galicia de seu no contexto dunha universitas christiana europea, fronte á realidade dunha España nomeadamente musulmá até o século XIII. Mentres que o Santiago da Ofrenda é o Matamouros que a Coroa de Castela quixo promover, con pouco suceso, como referente das Españas fronte a xudeus, mouriscos, mozárabes e conversos. E moi axiña contra cataláns e portugueses.

O Santiago do Pórtico da Gloria é o Santiago  que conecta coa realidade de Galicia como nación europea, que conecta mesmo coa actual realidade leiga e pluricultural  da Europa, mentres o Santiago Matamouros da Ofrenda semella cada vez máis fóra de tempo.

Velaí que o Goberno do Estado habería ter a sensibilidade de  non nos impor no ceo compostelán bandeiras moi queridas-si- para unha parte dos galegos, mais que non integran, como si integra a nosa, ao conxunto da cidadanía.  Ademáis, hai días abondo para reivindicalas fóra do noso Día da Patria.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.