CCOO aposta pola eólica mariña como fonte de xeración de emprego na industria galega

“Non se entende que algunhas voces traten de desbotar o eólico offshore que é a mellor oportunidade que ten Ferrolterra”, sinala Victor Ledo, secretario xeral de CCOO Industria
Desde a Federación de Industria de CCOO en Galicia, e na situación de desertización industrial que está a padecer esta comarca polo proceder errático e a ausencia dunha política industrial que aposte polo noso potencial galego por parte da Xunta e do Goberno central, particularmente agravado polos peches de Endesa e Gamesa, quere manifestar que:
-A loita contra o cambio climático é unha realidade que está na axenda pública e que debe ser o obxecto principal de todas as políticas enerxéticas, económicas e industriais que se concretan na Transición ecolóxica. Urxe que pasemos da nomenclatura as realidades.
-A Transición ecolóxica ten que ser xusta. A descarbonización non pode ser traumática para os e as traballadoras. Isto é clave nas comarcas afectadas polos peches de instalacións como Ferrolterra, Meirama o Sabón. Non pode ser xusta se destrúe postos de traballo sen alternativas laborais e de futuro.
É imprescindible e mesmo inescusable crear e aproveitar as oportunidades laborais que compensen e absorban os empregos destruídos. Cómpre facelo con proxectos industriais que potencien o desenvolvemento local.
A mellor oportunidade que ten esta comarca, a máis sólida, madura e factible desde todos os puntos de vista, incluído o climático e o xeográfico, é precisamente na implantación da xeración renovable eólica flotante para o a que os estaleiros públicos da ría de Ferrol, particularmente o centro de Fene, están nunha posición de vantaxe inmellorable que hai que potenciar.
¿Por que apostamos pola Eólica mariña flotante?
A eólica mariña flotante é unha ferramenta clave para facilitar a transición cara un sistema eléctrico galego 100% renovable. Así o ven defendendo este sindicato desde 2015. Dadas as condicións climáticas e xeográficas de Galicia, con menos horas de sol, a eólica mariña é unha das enerxías principais que temos ao noso dispor para a descarbonización e facer a transición ecolóxica.
-A construción dun parque eólico mariño, a 15 quilómetros do litoral, leva asociada moitos empregos directos e indirectos na súa construción e o seu funcionamento e mantemento. Creación de emprego estable e sostido desde a enxeñería cualificada até o metal, a fabricación electromecánica, a electrónica e auxiliares.
Cómpre salientar, -sinala Víctor Ledo-, secretario xeral de CCOO Industria, que practicamente todos os países do Norte de Europa teñen en marcha programa de desenvolvemento da eólica flotante nas súas costas cun dobre obxectivo: aproveitar os recursos renovables e acelerar a transición ao tempo que potencian a súa economía industrial.
“A instalación de parques flotantes permitiría amosar o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia e a capacidade da nosa industria, desde os estaleiros, para orientarnos a produción e exportación dos muíños de vento no mar”, manifestou o secretario xeral de Industria.
Ledo remarcou que desde CCOO xa se ten feito unha reclamación unha reclamación tanto a Xunta como ao Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) dun centro de I+D+i de enerxías do mar como primeiro paso para fixar o coñecemento e ancorar o futuro do sector a nosa comarca e ligalo indisolublemente a Galicia Ao tempo, reclamamos nas mesas correspondentes fondos Next da Unión Europea para este obxectivo, nun proxecto que debera ter o impulso público para avanzar cara a transición enerxética.
“Para CCOO é incomprensible as voces de oposición ao desenvolvemento da eólica offshore cando quedou patente que son oportunidades para a nosa comarca, particularmente para Navantia Fene”, salientou o secretario galego de Industria.
“Defendemos, e así quedou patente nos estudos, que non existe incompatibilidade ambiental nin entra en conflito con outras actividades produtivas”, sinala Francisco Méndez, responsable do Sector Enerxético de CCOO, e insta ao Ministerio de Teresa Ribera a facer unha labor de pedagoxía e difusión nesa liña. “Non é momento de tirar pedras contra o noso tellado, desbotando unha fonte de xeración eléctrica cun potencial enormemente importante para a industria galega”, reiterou Méndez.
“As Administracións teñen que comprometerse en firme a que de forma parella a implantación dos parques eólicos flotantes teñen que primar a compoñente local, tanto na fabricación como no mantemento. Non podemos renunciar a unha oportunidade como esta que tamén sería una solución para empresas electrointensivas como Alcoa San Cibrao e Alu Ibérica, Celsa Atlántica, Megasa, …”, remata Méndez.