Comeza a transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba

Rubén Arroxo visitou esta mañá o inicio dos traballos, cando se levou a cabo o corte de tráfico

O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto co Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, Felipe Rivas, concelleiro de Educación, visitaron a Ronda da Muralla, no percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, onde se realizou hoxe o corte de tráfico que da comezo á transformación deste treito da rúa, onde se construirá unha nova beirarrúa que permitirá gañar espazo peonil. Rubén Arroxo explicou que «aproveitamos para realizar a obra nas semanas con menos tráfico do ano, tratando de reducir ao máximo as molestias ocasionadas á veciñanza».

«No 2020 habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento, e este ano damos un paso máis no proxecto global de humanización da Muralla que levamos aplicando desde a nosa chegada ao goberno«, declarou Rubén Arroxo.

O  proxecto que se levará adiante «permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «isto permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla».

O alumeado deste treito tamén se renovará, instalándose 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. «Isto mellorará a percepción visual da Muralla», explicou Rubén Arroxo.

En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que «os vehículos  contarán con maior fluidez, ao modificarse o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago». Con esta actuación, o cruce pasará de ter un semáforo de 3 tempos a ter preferencia o tráfico que circule pola ronda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

Mentres se executen os traballos, o tráfico desviarase polas rúas Cidade de Viveiro e Pascula Veiga que cambiarán o seu sentido de circulación, onde se eliminaron de xeito provisional unha serie de prazas de aparcamento para facilitar a circulación e a maniobrabilidade do bus urbano. A rúa Vilalba será bidireccional mentres se executen os traballos para permitir o  acceso aos garaxes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.