Denuncian no Parlamento Europeo os vertidos ilegais desde a mina de San Finx

Ecoloxistas en Acción leva ao parlamento europeo a denuncia polas verteduras ilegais da mina de San Finx. Denuncian que a concesionaria abriu un novo nivel máis profundo da mina, que mantivo desaugado entre 2016 e 2020 sen autorización, inxectando metais pesados ao río e á ría. A organización ecoloxistas sinala que Valoriza Minería obtivo fondos europeos do programa Horizonte 2020 cos que se tería pagado o salario do director da mina responsable polos vertidos

A eurodeputada Sira Rego ven de denunciar no Parlamento Europeo a instancias de Ecoloxistas en Acción os vertidos ilegais que se están a producir na mina de San Finx, en Lousame. Se ata o momento era coñecido que a empresa concesionaria, filial de Valoriza Minería e do Grupo Sacyr, viña deitando ao río as augas con metais pesados das catro plantas superiores da mina que desaugan por gravidade, agora sábese que entre 2016 e 2020 bombeou sen autorización as augas contaminadas dunha nova 5ª planta que executou a propia Valoriza e que non estaba prevista no proxecto aprobado en 2009.

Na pregunta parlamentaria a eurodeputada cuestiona ademais que a Comisión Europea achegara fondos europeos a Valoriza Minería para un proxecto de investigación do programa Horizonte 2020 que tivo á mina de San Finx como lugar de probas. As probas do denominado proxecto “NEXT”, implicaron realizar estudos xeolóxicos precisamente nesta nova 5ª planta, aberta e desaugada ilegalmente pola mineira, que nin tiña autorización de vertidos nin avaliación de impacto ambiental para a actividade.

Sira Rego instou á Comisión Europea a investigar se os fondos europeos do programa NEXT foron usados para pagar o salario do director facultativo da mina de San Finx, que supostamente tería dado as ordes de manter desaugada a 5ª planta ata que finalizaron os traballos do proxecto europeo en 2020, o que implicou vertidos continuos ao río, 7 km augas arriba da ría de Noia e do LIC Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000. Tamén desde Ecoloxistas en Acción se demanda á Comisión para que suspenda o proxecto e impoña sancións a Valoriza Minería e demais beneficiarios implicados.

Vertidos coñecidos por Augas de Galicia

Augas de Galicia mantén artificialmente aberto un expediente de autorización de vertido á empresa mineira desde 2016 sen facer nada para impedir a continuidade dos vertidos ou sancionar á concesionaria, a pesar de que o feito de ter desaugado ilegalmente unha nova planta da mina debería implicar unha sanción inmediata. Ecoloxistas en Acción ven de notificar esta mesma semana a este organismo para que non poida alegar posteriormente descoñecemento dos feitos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.