Festas de María Pita 2021: Máis de 50 actuacións con presenza masiva de artistas galegos/as

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no consistorio as festas patronais que cualificou de “seguras, responsables, comprometidas co talento local, en feminino e unhas festas que volverán facer brillar á Coruña no panorama cultural e musical con estes 23 días de espectáculos en diferentes barrios da cidade”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe en rolda de prensa as Festas de María Pita 2021, que se celebrarán do 30 de xullo até o 22 de agosto e que cualificou de “seguras, responsables, comprometidas co talento local, en feminino e, en definitiva, unhas festas que volverán facer brillar á Coruña no panorama cultural e musical con estes 23 días de espectáculos en diferentes barrios da cidade”.

A rexedora explicou que este ano as festas patronais renden homenaxe á loita de todas as veciñas e veciños da Coruña nun ano tan sumamente difícil. “Hoxe máis que nunca quero celebrar a implicación de todas e todos os coruñeses neste esforzo conxunto que levamos a cabo no último ano e medio. Síntome profundamente orgullosa da cidade á que represento”, sinalou Rey.

A alcaldesa indicou que “a prioridade do Goberno local é aproveitar estes fastos para apoiar ao sector cultural como vimos facendo desde esta terrible pandemia que prexudicou tan gravemente ao sector”. Por iso, este ano destaca a presenza masiva de artistas galegos e de agrupacións musicais coruñesas, nos máis de 50 espectáculos programados.

As entradas para todos os eventos son de balde e poderanse sacar 7 días antes da súa celebración na web.

As festas deste ano, cuxo cartel deseñou o artista coruñés Héctor Francesch, celebraranse en catro escenarios: praza de María Pita, parque de Santa Margarida, parque Europa e Campo da Leña. “Procuraremos por todos os medios, e cumprindo como sempre fixemos os protocolos de seguridade vixentes (máscara obrigatoria, aforo limitado, con asentos e distancia de seguridade), volver facer sentir a esencia das nosas festas cos ingredientes máis clásicos que caracterizaron as nosas Festas de María Pita, pero con responsabilidade”, apuntou a alcaldesa, quen tamén anunciou que este ano non haberá pregón nin batalla naval, “porque non podemos permitir aglomeracións”, pero teremos algunha sorpresa máis que se desvelará proximamente.

“Queremos que todas as coruñesas e coruñeses poidan desfrutar das súas festas e á vez seguir apoiando os sectores máis afectados pola pandemia, como son o sector cultural galego, o tecido cultural da cidade, e, en paralelo, o apoio á hostalaría e ao comercio que tamén saen beneficiados dos diferentes actos que se van celebrar”, explicou Rey.

O autor do cartel das festas deste ano, Héctor Francesch, confesou que desde que quixo ser artista sempre quixo facer o cartel das Festas de María Pita, “pola importancia que ten, pola difusión e porque é un cartel moi coruñés”. Francesch lembrou as e os artistas que lle antecederon, “sobre todo a xente que xa non está, que fixeron ese carteis desa longa tradición a nivel cartelístico que tivo esta cidade durante moito tempo con carteis de moito nivel”, explicou.

PROGRAMACIÓN DAS FESTAS DE MARÍA PITA 2021

Noites de María Pita Volveremos gozar das Noites de María Pita, cunha presenza de preto do 50% de artistas femininas, coa actuación do gran artista galego Andrés Suárez, no mellor momento da súa carreira; Miguel Ríos & The Black Betty Trío, Miriam Rodríguez, Sidecars, Fangoria ou Carlos Núñez estreando os seus 25 anos do disco “A irmandade das estrelas”. Tamén farase unha chiscadela ao cinema cunha versión de cine karaoke presentando a Mamma Mia! en María Pita.

Semana Clásica

En María Pita volverá soar a Semana Clásica coa Orquestra de Cámara Galega de Rogelio Groba, a Orquesta GAOS, a xove orquestra da OSG ou o gran pianista James Rhodes.

Infantil

Este ano dedícaselle especial atención ás heroínas e aos heroes pequenos máis grandes da pandemia: os nenos. En familia poderán desfrutar en María Pita do festival Rock en Familia con tributos a Queen, Michael Jackson ou ACDC; ou dun dos magos máis novos, o galego Dani Polo, co seu espectáculo A Volta á Ilusión, un mozo de Cerceda, relacionado coas eminencias da maxia a nivel internacional. Ademais, no Parque de Santa Margarida volverán os espectáculos de Cascarillarte con propostas musicais para os máis pequenos e o circo co X Festival Manicómicos.

Folclore

O Parque de Santa Margarida tamén acollerá a súa tradicional Romaría con distintas agrupacións vencelladas á nosa cidade, como por exemplo Donaire, Xacarandaina ou Cántigas da Terra, entre outras, e artistas da talla de Tres Pesos, Tiruleque, Os d’Abaixo, Xurxo Fernandes, Joel Padín ou Leilía. Tamén aquí contaremos cunha chiscadela para os máis pequenos con actuacións de Mamá Cabra ou Magín Blanco, entre outros.

O Parque Europa é o escenario que este ano albergará entre outras propostas o tradicional Festival Folclórico Internacional ou o Festival de Habaneras que loxicamente non podían faltar e que conforman a identidade das festas.

Talento local

Tampouco pode faltar nestas festas a aposta polo talento local e galego, este ano con propostas nos dous parques. A primeira en Santa Margarida cun miniciclo de estreas con artistas como Nastasia Zürcher, Moura, Carolina Rubiros, Budiño, David el Cuerdas ou Malc; e o segundo no Parque Europa, cunha proposta no ámbito do jazz e do folk, como por exemplo Iago Mouriño, High Sociaty Jazz Band, Zeltia Irevine, Quinta San Vitorio, Mariana Gudin ou Alfonso Calvo Septet.

FEC Festival Electrónica Coruña

Tamén no ámbito musical rescataan un festival, FEC Festival Electrónica Coruña, que se celebraba no Parque Santa Margarida. Este ano incorporase a música electrónica cun día de programación cos artistas Murcof & Sergi Palau, DJ Elektrojena, LEfrenk y VJ the End.

RESERVA DE ENTRADAS

A partir do 23 de xullo reserva de entrada para: Andrés Suárez (31 de xullo), Festival Rock en Familia (1 de agosto), Miguel Ríos & The Black Betty Trío (2 de agosto), Miriam Rodríguez (3 de agosto).

A partir do 30 de xullo reserva de entrada para: Festival Noroeste Mad Martin Trio, Sound Sisters, Los Zigarros, Triángulo de Amor Bizarro, Combo Paradiso, Rulo y La Contrabanda, Bastards on Parade, Bala (6 de agosto) Ataque Escampe, Chasis, Alice Wonder, Javiera Mena, Cimafunk, Zahara, Lina_Raul Refree, DL Blando, Petazeta (7 de agosto) Bush Doctors, Soul Jacket, Mujeres, Marlango, Baiuca, Morgane Ji, Victor Coyote, Tito Ramírez (8 de agosto).

A partir do 6 de agosto reserva de entrada para: Nastasia Zürcher, Moura, Iago Mouriño trio, High society jazz band (9 de agosto) Carolina Rubirosa, Budiño, Zeltia Irevire, Quinta San Vitorio. (10 de agosto) David el Cuerdas, Malc, Marina Gundín, Alfonso Calvo septep (11 de agosto) Dani Polo: Volta a Ilusión (13 de agosto) Fangoria (14 de agosto), Cine Karaoke Mamma Mía (15 de agosto) Carlos Núñez (16 de agosto).

A partir do 13 de agosto reserva de entrada para: Festival de Electrónica Coruñés: Murcof&Sergi, Palau, DJ Elektrojena, Lefrenk, VJ The End (18 de agosto) James Rodhes (19 de agosto) Orquestra Gaos (20 de agosto) Xoven Orquestra OSG (21 de agosto) Abraham Cupeiro (22 de agosto).

Sen reserva previa:

Cascarillarte, Festival Manicómicos, Festival Folclórico Internacional, XXXVI Certame de Habaneras Cidade da Coruña, Romaría de Santa Margarida (Acceso por orden de chegada ata completar aforo).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.