Finalizadas as obras de humanización da avenida Ribados, en pleno corazón residencial do Burgo

O presidente da  Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Ramón Rioboo, visitaron o lugar onde se executaron os traballos

O presidente da  Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, visitaron esta mañá a recentemente renovada avenida de  Ribados, situada no corazón do Burgo. A modernización da vía, efectuada polo  Concello co financiamento provincial, supón unha mellora integral en canto a funcionalidade e estética.

Esta intervención, con cargo ao Plan Único da Deputación, ten como obxectivo principal dotar ao peón de maior protagonismo nun dos  principais núcleos residenciais de Culleredo. A humanización desenvolveuse desde a intersección con Costa da  Lonxa ata  Visitación de la Encina.

A actuación incluíu a reforma das beirarrúas, para garantir a mellora da mobilidade, e das zonas de aparcamento, en formigón impreso. Variouse o eixo da estrada para poder ampliar as beirarrúas e que cumpran cos criterios de accesibilidade.

Dotouse, tamén, a este espazo de novas plantacións de árbores e mobiliario urbano, coma bancos e papeleiras, para prestar servizos adecuados aos veciños da zona. Así mesmo, incluíuse a canalización para o futuro soterramento da liña eléctrica, que actualmente discorre por vía aérea.

As obras incluíron tamén a colocación de novos elementos de iluminación, de tipo LED, con columnas de 8 metros de altura. Tamén se mellorou a rede  de recollida de pluviais, con novos colectores e pozos de rexistro, a de abastecemento, con novas tubaxes, e a de saneamento.

González Formoso destacou que a obra, cun investimento de 252.021 euros é un exemplo de cómo o Plan Único axuda a mellorar as infraestruturas e servizos municipais e a renovar espazos coma a avenida de Ribados, “facendoos máis accesibles, mais seguro e cómodos para os peóns”.

O presidente da Deputación sinalou que, desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva investido 7,5 millóns de euros en Culleredo e permitiu a aprobación de máis de 50 obras de mellora das infraestruturas do municipio. Novos sistemas de alumeado enerxéticamente sostible, renovación de rúas, prazas e parques infantís e incluso obras coma a glorieta da zona do Pasaxe foron financiadas con cargo ao POS+, que neste 2021 conta cunha achega de 1,8 millóns de euros e permitirá, entre outras obras, construír unha rotonda na avenida de Vilaboa que regule o tráfico na N-550 cun investimento de máis de 568.000 euros.

O alcalde, Jose Ramón Rioboo, agradeceu a González Formoso “a implicación da Deputación nun proxecto que incrementa a calidade de vida da cidadanía”. O alcalde sinalou o resultado da actuación, que abarcou todos os ámbitos, como “exemplo da rexeneración urbana” que promoverá en todas as parroquias.

Rioboo avanzou así mesmo que, completadas estas obras neste tramo, o  Concello tramita a súa continuación nunha segunda fase que incluirá a rúa  Visitación de la Encina.

Adxudicado a dragaxe da Ría

Ademais, Rioboo acompañou ao presidente da Deputación para comentar a recente contratación do proxecto de dragaxe da Ría do Burgo, tras a adxudicación das obras realizada polo Goberno do Estado.

Será executado pola empresa UTE ACCIONA- MATÍAS  ARROM  BIBLIONI quen, cunha baixa do 33,66% acometerá o proxecto por algo máis de 32 millóns de euros.As obras levarán a cabo nun prazo estimado de 26 meses.

O primeiro edil destacou a “relevancia” desta intervención, que marcará a “folla de ruta de futuras obras para seguir humanizando o noso municipio”, avanza, á súa vez que recalca que “un dos grandes obxectivos é que Culleredo sexa un lugar máis  transitable, verde e exemplo de sustentabilidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.