González Formoso destaca na asemblea da Rede RETOS a “firme aposta” da Deputación da Coruña “polo emprego e a dinamización económica”

Destacou a “innovadora” rede de espazos de traballo colaborativo creados a través do Plan de Emprego Local “con coworkings temáticos onde só se instalan aquelas empresas ou autónomos conectados por un nexo temático ou profesional”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración da asemblea da Rede RETOS que se celebra no Pazo de Mariñán, liderada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e alí destacou a firme aposta do ente provincial polo emprego e a dinamización económica.

“Mentres nós esteamos á fronte isto sempre vai a ser unha prioridade porque unha sociedade que non ten resolto o aspecto laboral das súas xeracións está fracasada e invita á xente a emigrar”, explicou González Formoso, que lembrou que “a provincia da Coruña é o motor económico de Galicia con 53.000 millóns de euros de PIB e que conta cun espírito dinámico e emprendedor porque a pesar de ser a décima en poboación é a quinta provincia exportadora do estado”.

A pesar desta “fotografía macro” fixo fincapé na importancia destes espazos de debate e reflexión “que tiñan moito sentido antes e aínda o teñen moito máis agora” xa que hai “un problema que afecta practicamente a todas as provincias, que adoecen dunha perda de poboación e fainos darlle prioridade á participación en foros deste tipo para, entre todos, pensar estratexias, compartir as que estamos levando a cabo e, sobre todo, aprender”.

Sobre a estratexia particular da Deputación da Coruña González Formoso destacou que “articulamos unha rede que funciona de marabilla a través da que se crearon 3.000 postos de traballo e máis de 2.000 empresas, con proxectos moi vencellados ás directrices da Unión Europea de dixitalización, desenvolvemento rural sostible, transición enerxética, servizos sociais, médicos…” e cualificou como “un acerto” a creación da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo “cun modelo innovador con coworkings temáticos onde só se instalan aquelas empresas ou autónomos conectados por un nexo temático ou profesional” xa que “os xenéricos existen, é unha opción consolidada, pero este tipo de espazos non o son e temos unha cola de peticións dos concellos porque os que hai en marcha funcionan moi ben”.

Actualmente esta rede está conformada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking do Fórum de Carballo, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o coworking A Proa en Ames, Emprende-LAB Barbanza de Boiro e polo centro comarcal de desenvolvemento rural de Moeche. A estes centros de traballo previsiblemente adheriranse dous máis ao longo da presente anualidade.

O obxectivo principal desta Rede, pioneira en Galicia, é establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e emprendedores  entre os distintos espazos que formen parte dela, funcionando de xeito eficiente, para fomentar o emprego, dinamizar o tecido empresarial do concello/comarca onde se empracen os distintos centros, difundir e compartir coñecementos, competencias e habilidades clave a hora de emprender, propiciar o xerme para o florecemento de novos negocios e traballar especificamente en programas de xestión empresarial en sectores estratéxicos.

Na inauguración tamén interveu a directora xeral de economía social e da responsabilidade social das empresas, Maravillas Espín Saez, que agradeceu ás entidades que conforman RETOS a súa continuidade a pesar da situación actual xa que “nuestra misión ahora está más vigente que nunca porque es el momento en el que tenemos que retomar el vuelo tras este año y medio tan incomplado, por eso nuestro objetivo es darle un impulso a la red”.

Rede RETOS

A Rede RETOS é unha rede de ámbito nacional liderada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social a través da Dirección Xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das empresas e integrada por entes locais (municipios, provincias, consorcios, etc.), cuxa misión é articular, integrar e implementar distintas estratexias para o desenvolvemento de Territorios Socialmente Responsables, que melloren a calidade de vida dos seus habitantes, o que coincide cun dos obxectivos últimos do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

Retos constituíuse formalmente o 15 de Abril de 2008, como resultado da Iniciativa Comunitaria eQual, coa pretensión de ser unha referencia en responsabilidade social territorial e, desde entón, desenvolveu de maneira constante a súa actividade, sendo xa un referente nacional e internacional na promoción dos valores e principios da responsabilidade social.

Periodicamente, as institucións adheridas á Rede reúnense en asembleas, que teñen lugar nos distintos territorios que a conforman, correspondéndolle nesta quenda á provincia da Coruña ser a anfitriona.

A Mariñán acude unha delegación de representantes do Ministerio de Traballo e Economía Social conformada por Maravillas Espín Saez, directora xeral de economía social e da responsabilidade social das empresas, Juan Manuel Sánchez Terán, subdirector xeral da economía social e da responsabilidade social das empresas, Guzmán García González-Posada.

Pola banda dos territorios que conforman a Rede RETOS acudiron importantes representantes de distintas entidades territoriais de toda España, concretamente: Pedro Manuel Maroto Mojonero e Eva Navarro Alcolea en representación do concello de  Cidade Real,  Javier Escalada Gómez en representación do concello de Mósotoles, Carmen Navarro Cruz da Deputación de Almería, Alicia González Bayón e Antonio Campos González en representación do goberno de Extremadura.

Este ano, debido a incidencia da pandemia, a asemblea contará cun dobre formato: presencial e telemático, para que aquelas persoas que non poden acudir segan o evento de xeito online desde os seus lugares de traballo, como será o caso dos representantes dos concellos de Alcázar de San Juan, Avilés, Bilbao, Burgos, Cádiz, Castellón, Gandía, Gijón, Jaén,Paterna, Sevilla, Vilanova i la Geltrú, Rivas Vaciamadrid; das deputacións de Almería, Barcelona, Granada e Málaga; e de institucións como o Consorcio Pactem-Nord, a Fundación Etnor, e o Valle del Guadalhorce.

Tras explicar a boa práctica que supón a posta en marcha da Rede de coworking provincial, abordarase a información sobre eventos, concretamente sobre o congreso conxunto de redes 2021: REDEL, Foro de Ciudades por el Empleo, Impulso y RETOS e sobre outra información de interese, como é o caso da análise sobre o Fondo de recuperación da Unión Europea e Fondos comunitarios para o período 2021 – 2027.

Nesta xuntanza tamén haberá tempo para analizar o futuro da Red RETOS, deseñando o plan de actividades e debatendo o novo plan estratéxico. Para rematar a xornada, a Deputación da Coruña organizará para todos os asistentes unha visita guiada polo Pazo de Mariñán e os seus xardíns.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.