Gonzalo Caballero chama a empregar os fondos europeos para “modernizar” o sector mar-industria e «manter o liderado” da conserva galega en Europa

O secretario xeral do PSdeG mantén unha xuntanza cos responsables de Anfaco-Cecopesca

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este martes unha xuntanza co secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, e co seu presidente, Iván Alonso-Jáudenes, á que acudiu en compañía do presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, das deputadas viguesas no Congreso Olga Alonso e Ángeles Marra e das parlamentarias socialistas Leticia Gallego e Noelia Otero.

“A Galicia do século XXI necesita un sector mar-industria puxante e un sector conserveiro que siga liderando o sector en Europa e, para iso, hai que canalizar os fondos Next Generation cara ás empresas e cara ao sector, para permitir esa modernización de acordo ás tendencias de transición dixital e ecolóxica”, reivindicou o máximo dirixente do PSdeG.

Os fondos europeos, incidiu, constitúen “unha oportunidade que non podemos perder” para “gañar máis espazo, máis vangarda e máis innovación no sector da conserva galega”.

É por iso que “temos que remar nesta nova realidade cara á que estamos avanzando” para “manter a puxanza, a vitalidade, o emprego e a capacidade de produción do sector conserveiro galego”, destacou o máximo dirixente do PSdeG.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero reivindicou a Galicia como “unha referencia mundial no sector da conserva” grazas a súa “enorme capacidade de produción, de investigación, de desenvolver novos produtos e de chegar a novos mercados”. “Unha produción ademais cunha enorme calidade”, subliñou.

“O sector da conserva en Galicia está en condicións de seguir sendo referencia no mundo” porque “a conserva é unha forma de colocar produto galego e doutras partes do mundo cunha magnifica calidade” e ademais dispón de “capacidade para satisfacer a demanda a nivel internacional”, sentenciou o líder do PSdeG.

Apoio ao sector mar-industria a prol dunha “gran alianza”

Nesta liña, sinalou que “para a estrutura produtiva galega, o sector mar-industria e, especificamente, o sector das conservas é unha referencia que necesita todo o impulso de todas as administracións públicas”, por iso “trasladamos o noso respaldo ás necesidades do sector e poñemos a disposición aos nosos parlamentarios e parlamentarias” para “traballar ao seu carón en todo aquilo que demanden”.

“É unha potencialidade de Galicia que necesitamos desenvolvela e avanzar, e non retroceder. Así llo trasladaremos ao goberno de España e ao da Xunta de Galicia, porque é necesaria unha gran alianza do sector mar-industria e conserveiro”, concluíu.

Anfaco-Cecopesca

Nesta mesma liña, o secretario xeral de Anfaco, Juan Vieites, reivindicou a importancia de “seguir potenciando” o sector conserveiro a través de colaboracións público-privadas que “defendan o sector” e “ter unha visión máis competitiva e eficaz”.

Por iso, Vieites instou a que “Galicia non perda a oportunidade de gañar ese reto de futuro” para “adecuarse” e ser “cada vez ser máis competitivos”.

Por último, o responsable de Anfaco-Cecopesca valorou o coñecemento e a “capacitación” do secretario xeral do PSdeG á hora de abordar diferentes cuestións “que preocupan” ao sector, logo de realizar un “repaso ás inquedanzas” relacionadas cos fondos europeos, o comercio con terceiros países ou a formación dos cadros de persoal das empresas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.