Gonzalo Caballero insta á Xunta a fortalecer un sistema de rastrexo que é «deficiente» e a atención primaria que está «desbordada» pola «falla de persoal»

O secretario xeral das e dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da corporación municipal de Ames, encabezada polo seu alcalde, Blas García, e á que acudiu na compañía do presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, e da deputada Noa Díaz.

Dende alí, o dirixente socialista pediu a Feijóo “que cumpra coa sanidade pública” fortalecendo un sistema de rastrexo que é “deficiente”, así como a atención primaria que está “desbordada” por falla de persoal, á que hai que sumar que “non se cobren as vacacións”.

Ao fío disto, lamentou que o sistema de rastrexo “non funcione ben”, o que supón un incremento do nivel de presión asistencial sobre os facultativos e facultativas. “Non pode ser que teñamos niveis de presión crecente na asistencia do sistema sanitario público que fai que moitos profesionais teñan que atender nun mesmo día 60, 70 ou ata 98 pacientes como ocorreu esta fin de semana” nun PAC de Vigo, sentenciou.

É por iso que pediu á Xunta “que actúe con responsabilidade segundo as indicacións do comité clínico e que traslademos á cidadanía unha posición común e conxunta de que temos que tomar todas as medidas de precaución necesarias para evitar que a taxa de positividade e as taxas de contaxios poidan incrementarse no futuro”.

“Por lealdade e responsabilidade respaldamos as normas e restricións que se asumen de acordo ás indicacións ao comité clínico, pero temos que ser máis esixentes na defensa da sanidade pública para protexer a saúde”, sentenciou.

CHAMAMENTO Á PRUDENCIA

Nesta liña, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á “prudencia”. “Todos temos que ser responsables, a cidadanía ten que ser responsable cumprindo coas restricións, pero tamén Feijóo tamén ten que ser responsable” fortalecendo a sanidade pública, xa que “é máis necesario que nunca para poder facer fronte aos retos sanitarios”.

Doutra banda, o líder do PSdeG recoñeceu a estratexia de vacinación que “está permitindo afrontar os retos do virus en circunstancias distintas” cando, a día de hoxe, “o 65% dos galegos e galegas xa teñen unha dose da vacina”. “Isto permite afrontar o futuro con máis ilusión, esperanza e seguridade, pero non podemos baixar a garda”, incidiu, xa que “os riscos da quinta onda están presentes”.

AMES

Doutra banda e aproveitando o enclave, o dirixente socialista pediu á Xunta “que cumpra cos concellos de Ames e Negreira” declarando a Pontemaceira como Ben de Interese Cultural (BIC) “polo que representa na historia, no Camiño de Santiago ou na cultura” e dado que ten “un valor cultural, histórico e paisaxístico incomparable”.

Dado que esta demanda “leva un tempo á espera”, Gonzalo Caballero anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para instar á Xunta a dar este “paso necesario” e que “aproveite as posibilidades” que achega Pontemaceira.

Noutra orde de cousas, o dirixente socialista pediu ao goberno galego “que se fagan os investimentos necesarios para fortalecer o sistema de depuración de augas” e Ames, unha cuestión “que require de toda a implicación” da Xunta.

Por último, o dirixente socialista puxo en valor o “magnífico traballo” que está facendo a corporación local de Ames con Blas García ao fronte, xa que amosa o seu “compromiso coa veciñanza” e “responde ás necesidades do concello”. “Ames ten un goberno no que pode confiar, un concello novo que medra e con moitas posibilidades de futuro”, sentenciou.

BLAS GARCÍA

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción pola visita do secretario xeral do PSdeG, salientando o permanente contacto que mantén co concello ao longo do mandato para apoiar as demandas da veciñanza e do goberno municipal de Ames.

O rexedor socialista puxo en valor Pontemaceira como “un dos sitios máis emblemáticos” do concello, unha zona que é “patrimonio importante de Galicia”. “Seguimos esperando a declaración de BIC por parte da Consellería de Patrimonio da Xunta”, sinalou, logo de esta fose solicitada polos concellos de Ames e Negreira xa en 2017.

Por último, García instou ao goberno galego a arranxar os “problemas de saneamento” da depuradora. “Estamos solicitando unha ampliación e é un proxecto moi importante para o Concello de Ames”, concluíu.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.