Na vindeira semana retómanse os traballos arqueolóxicos no Castelo de Portomeiro

A intervención realizarase entre o 12 e o 23 de Xullo, grazas a unha colaboración da USC, a Deputación da Coruña e a asociación Larada
O próximo luns, 12 de Xullo, comeza a segunda campaña de escavación arqueolóxica no xacemento altomedieval do Castelo de Portomeiro. Esta segunda campaña é froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultura Larada, propietaria do xacemento. Como na anterior intervención, os traballos serán realizados por un grupo de investigadoras do grupo de investigación Síncrisis e en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’.
A maiores, como novidade, contarán cun nutrido grupo de estudantes do grao de Historia da USC. Durante estas dúas semanas, a equipa de ‘Castelos no Aire’, dirixida por Jose Carlos Sánchez Pardo e Mario Fernández-Pereiro, procurará ampliar os datos coñecidos sobre este interesante castelo altomedieval e, ao mesmo tempo, formar a novas fornadas de arqueólogas. “Consideramos moi interesante non só a intervención e os novos datos a obter sobre a Alta Idade Media neste territorio, senón tamén a formación práctica de estudantes do grao de Historia no traballo arqueolóxico”, comenta o profesor José Carlos Sánchez Pardo.
Esta nova campaña no Castelo estenderase até o venres 23 de Xuño e ten como obxectivo ampliar as zonas intervidas no ano 2020, ademais de ter como novidade a consolidación completa dun edificio. “Consolidar para facer do xacemento un lugar visitábel e de interese na comarca era unha reclamación da asociación Larada, propietaria do Castelo”, explica Mario Fernández-Pereiro, director da intervención.
Esta campaña está financiada polo proxecto “Arqueoloxía tardoantiga e medieval en Galicia” da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Sánchez Pardo e estará centrada na escavación parcial de tres edificios e a consolidación dun deles. Ao igual que o ano pasado, esta campaña no Castelo estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.