O BNG leva ao Parlamento galego a iniciativa para reparar a fachada da Torre da rúa Petunias

A deputada do Bloque Nacionalista Galego Mercedes Queixas rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas –unha proposición non de lei, unha pregunta por escrito, outra oral- co propósito de a Xunta de Galicia autorizar as obras de reparación da fachada da Torre da Rúa Petunias, no Barrio das Flores, coas debidas garantías de protección dos seus valores arquitectónicos

“A necesaria protección e posta en valor do patrimonio arquitectónico debe ser sempre compatíbel co seu adecuado estado de conservación, para o cal son imprescindíbeis actuacións dirixidas ao seu mantemento e rehabilitación”, afirma Mercedes Queixas na exposición de motivos desta iniciativa.

Remarca a parlamentar nacionalista que a Torre de Rúa Petunias 1C “leva tres anos anos esperando pola concesión de licenza para proceder á reparación da fachada, até agora denegada pola protección ambiental de que goza o edificio”.

É por isto que o BNG insta a Xunta a que urxa a intervención inmediata da Dirección Xeral de Patrimonio. “É perfectamente posíbel combinar a reparación da fachada –que presenta problemas de humidades e desprendementos de cascallos- coa protección dos seus valores arquitectónicos”, reitera Queixas.

En xeral o Barrio das Flores –no momento en que foi construído, década dos 60 do pasado século, un expoñente dun urbanismo moderno e innovador- acusa os efectos de anos de abandono, ausencia de investimento e falta de mantemento.

“O Barrio das Flores precisa dun plan de rehabilitación integral que recupere e poña en valor ese barrio emblemático”, sinala Queixas. Mais mentres esa actuación non se concretar, son necesarias accións “que melloren no curto prazo a calidade do espazo público e con iso a calidade de vida de veciñas e veciños”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.