O BNG pedirá no Pleno a declaración dunha moratoria eólica en Celanova

«Sabendo o que sabemos hoxe, non podemos demorar máis unha resposta social e institucional contundente», explica Leopoldo Rodríguez, portavoz nacionalista

O BNG de Celanova rexistrou este luns unha moción para o seu debate de urxencia pasado mañá, mércores, no pleno da corporación Celanova. «Coñecemos hoxe moito máis do proxecto e dos impactos severos que tería a concreción do proxecto de polígono eólico no Monte da Neve», din as nacionalistas no texto. «E sabemos moito máis que hai apenas uns meses sobre os impactos severos que provocan instalacións deste tipo ás persoas, ao medio natural e ás economías das familias que os sofren directamente».

O BNG reclama que o pleno emita unha declaración institucional, seguindo o exemplo doutras corporacións no Estado e en Galicia, na que se advirta que «calquera proxecto de instalación de polígonos de xeración de enerxía eólica en territorio do termo municipal de Celanova debe quedar en suspenso até o momento en que as autoridades competentes elaboren un plan sectorial eólico que substitúa ao actual, dado que este xa non establece as medidas de protección necesarias para as persoas, o medio natural, o patrimonio, a paisaxe e as economías das comarcas afectadas».

As nacionalistas piden ademais un acordo para que o goberno local inste á Xunta e ao Estado «como administracións responsábeis de tramitar a implantación de polígonos de extración de enerxia eólica no territorio galego, a declaración dunha moratoria eólica coa que se proceda á paralización inmediata de todos estes proxectos, incluíndo o proxecto P.E. Monte da Neve».

Campaña de información e accións do BNG

O BNG vén desenvolvendo desde marzo unha campaña de accións contra o proxecto eólico en varias frontes. No plano institucional, o BNG rexistrou alegacións diante da Xunta ao documento inicial presentado pola empresa e levou a pleno varias iniciativas para solicitar unha cata arqueolóxica que determinase a importancia dos restos na área da Casa da Neve -rexeitada polo goberno municipal e polo PP- e para demandar información á veciñanza desde o Concello -moción aprobada e até o momento non executada-. Ademais, as nacionalistas iniciaron en maio a súa propia campaña de información, a través de mesas informativas e unha charla na que participou o deputado Iago Tabarés, sobre as consecuencias na saúde, no medio natural, no patrimonio, na paisaxe e nas economías familiares deste tipo de instalacións e os impactos concretos do proxecto no Monte da Neve.

Alerta do informe arqueolóxico

No ámbito desa campaña, as nacionalistas están a divulgar o contido dun informe arqueolóxico municipal que o goberno de Antonio Puga anunciou na prensa e logo agochou nun caixón. O informe alerta de impactos directos e irreversíbeis tanto no patrimonio material como inmaterial (a relación da paisaxe do Mosteiro actual cos lugares primitivos da súa fundación) da instalación dun polígono eólico na área da Casa da Neve. O informe constata a presenza nesa área de restos de edificacións medievais, así como pone evidencia a continuidade do conxunto de mamoas afectadas polo proxecto coa necrópole megalítica da Serra do Leboreiro. Ademais, aconsella iniciar a tarefa de protección e catalogación deses restos transmitido o propio informe ao departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.

«Sabemos hoxe moito máis do que sabiamos hai só uns meses, tanto a respecto do valor do patrimonio presente na zona da Casa da Neve como dos impactos futuros da instalación de máquinas de case 180 metros de altura moi próximas ás vivendas e ás poboacións, como consecuencia dunha lexislación desfasada. Sabendo o que sabemos hoxe, non podemos demorar máis unha resposta social e institucional contundente», resume Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG en Celanova, que lembra ademais que o BNG levará nas próximas semanas ao Parlamento galego a demanda de protección patriomonial para os restos que sinala o informe arqueolóxico municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.