O churrasco é de fachas. Por @DulceCorcu

No país onde o importante case nunca é nova de alcance ou pasa de puntiñas polos medios a menos que involucre a algún podemita ou socialista deses con ideais -que algún quedará- e onde temos coma exemplo recente a exclusiva dun diario dixital que desvela que o rei emérito fixo fortuna grazas á venda e tráfico de armas sen que fose motivo de portada na prensa escrita nin televisada. Que de algo hai que vivir. Un presuposto de máis de oito millóns de euros tampouco pensedes que dá para grandes dispendios. Mentres, na distopía española, quen está en boca de todos e todas é Mónica García, portavoz de Más Madrid na Asemblea madrileña por, non vaiades pensar que corrupción, cobro de comisións, enchufar amiguetes ou ese tipo de cousas que nos son tan coñecidas noutros grupos políticos. Non, Mónica García está de actualidade por comerse un entrecot e, por enriba, nun restaurante. Dimisión xa, por favor. Non se pode consentir tamaño agravio. Se queren ser comunistas que coman alfalfa e non o mesmo que a xente tradicional e de sans costumes.

A polvareda levantada por Alberto Garzón, ministro de Consumo, con aquelo de que reducir a inxesta de carne é moi beneficioso non só para a nosa saúde, senón tamén para o medio ambiente e o mundo en xeral, aínda latexa nos ofendidos corazóns dos carnívoros aos que non lles importa rebozarse en colesterol e graxas saturadas antes que facer caso dun roxo. Bueno, e da Organización Mundial da Saúde (OMS) pero van saber eses máis que un líder do PP do que aportan uns filetes empanados. De feito, esa cruzada deixounos estampas como a de Pablo Casado desfrazado de cociñeiro poñendo a asar un chuletón nunha grella sen lume. Polo menos o presidente do goberno, Pedro Sánchez, prefire que estea «ao punto», porque así en crú dixírese peor e un mandatario ten que coidarse e non caer en populismos partidistas. Cando xa ese obsceno espectáculo parecía apagarse, chega o entrecot de Mónica García para elevar o disparate a unha escopeta nacional á que Berlanga sen dúbida asistiría estupefacto. Agora xa non estás a salvo de que o teu cuñado, en calquera momento, acabe por botarche en cara que moito dicir que Cuba non é unha ditadura e moito defender os dereitos humáns en Colombia….Pero ben que te apuntas ao churrasco do domingo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.