O español de Madrid en perigo. Por @DulceCorcu

A vella teima do nacionalismo español coas línguas que non sexan a propia do Imperio, sube un chanzo nas súas reivindicacións montando  unha oficina para que sexa protexido e salvagardado nada menos que en Madrid, onde ao dirixirte ás xentes do lugar, quen sabe, podes atoparte bárbaros falando en calquera idioma periférico e non se está libre de que iso acabe provocando un efecto chamada que desterre para sempre, como din que acontece en Galicia, o castelán da vida e das institucións capitalinas. Para tan insigne tarefa foi escollida unha eminencia coma Toni Cantó, que non destaca polos seus coñecementos ou estudos filolóxicos, pero si por combatelos. E máis mérito que ese xa non se pode acreditar para figurar na nómina do PP.

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade madrileña e inventora da idea con cargo ao erario público, incidíu no necesario de converter Madrid na capital do español en Europa. Si, en Europa, ese continente do que quizais non sabemos que en Helsinki ou Estocolmo poda haber competencia que poña en perigo a língua do universal Cervantes. Sempre é mellor curarse en saúde. As malas línguas din que só é un «chiringuito» para enchufar a Cantó no seu traslado aos brazos pepeiros despois de pasar polos de UPyD e Ciudadanos, non porque sexa un chaqueteiro con gañas de vivir do conto, senón polas súas conviccións de servizo á cidadanía que o levan alí onde sexa máis necesario. Os políticos de dereitas nunca fan estas cousas por interese nin por querer enchufar amiguetes, e por suposto facelo en torno á língua non é de separatistas nin impositores, senón de bos españois que saben perfectamente cal é un idioma bo e cal non.
Que o flamante espallador do español polo mundo estrease o cargo poñendo un chío infrinxindo unhas cantas normas de ortografía tampouco é algo alleo ao espiríto español onde canto peor, mellor, coma nos ilustrou no seu día Mariano Rajoy de quen sorprende que aínda non fose proposto para académico con tan florida verborrea. Queda por ver o éxito da iniciativa e de se terá secuelas noutros lugares do Estado como por exemplo neses rebeldes que se empecinan en presumir doutra língua allea á única que está comprobado que non rompe España. Quen ía dicirlle a Gloria Lago, tantos anos despois, que o verdadeiro «Hablemos español» onde tiña sentido era nada menos que en Madrid

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.