O Museo de Pontevedra súmase como entidade piloto de análise a un proxecto europeo sobre turismo cultural

José Manuel Rey destacou a visibilidade e proxección internacional que supón para esta institución estar vinculado a IMPACTOUR     

O Museo de Pontevedra entrou a formar parte de IMPACTOUR, un proxecto financiado con fondos do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea, que ten como obxectivo estudar o impacto do turismo cultural no crecemento económico rexional da UE.

Esta institución museística súmase, a través de Cultura Viajes/ FSMLR que coordina a participación española, como sitio piloto aos restantes socios de nove países europeos que colaboran nel e que proporcionarán unha variedade de datos sobre fluxos de visitantes, bens culturais, provisións de infraestruturas e indicadores económicos e sociais, que axudarán a definir, construír e, eventualmente, probar as novas ferramentas IMPACTOUR para a xestión de destinos.

“Vincularnos con este proxecto supón para nós obter máis visibilidade e proxección internacional xa que nel participan organizacións de distintos estados membros da UE que dispoñen de experiencia e coñecemento experto do patrimonio e do turismo cultural”, subliñou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.

Esta iniciativa, que botou a andar en xaneiro de 2020 e que se prolongará ata xuño de 2023, desenvolverá, pois, unha metodoloxía avanzada e adaptable combinando algoritmos de análise de datos con enfoques de aprendizaxe automático e intelixencia artificial, coa finalidade de conseguir mellorar as políticas e accións en turismo cultural.

“Dada a importancia que ten este museo en Galicia e a súa condición de receptor de turismo cultural, o interese por configurarnos como un sitio piloto recae en que as ferramentas que se empreguen para este proxecto vanse testar no museo, o que nos servirá para identificar puntos fortes e outros elementos a destacar con perspectiva de futuro”, apuntou Rey.

Esta investigación ten como punto de partida a premisa de que o turismo cultural é un factor de crecemento económico e unha ponte entre as diferentes culturas no desenvolvemento das rexións europeas, feito que fai necesario un estudo sobre os o seu impacto e unha avaliación das estratexias transfronteirizas empregadas para alcanzar o desenvolvemento sostible adecuado.

Impactour

IMPACTOUR está conformado por un consorcio de doce socios de nove países europeos. En España, Cultur Viajes, a axencia da Fundación Santa María la Real especializada en turismo cultural, é a responsable de coordinar os destinos piloto do noso país. O Museo de Pontevedra súmase ao estudo xunto ao Románico palentino, representado polo Concello de Aguilar de Campoo, e ao Camiño de Santiago, que representa a propia Fundación Santa María la Real.

O vindeiro venres 23 de xullo, o Museo de Pontevedra participará nun world café que terá lugar en Aguilar de Campoo xunto co resto dos sitios piloto españois que integran este proxecto. A intención deste encontro de traballo é favorecer un primeiro intercambio de experiencias ao que tamén asistirán algúns dos stakeholders colaboradores, como é o caso de Turismo Rías Baixas, que acompañará ao Museo de Pontevedra. O world café rematará cunha conexión telemática cos outros sitios pilotos europeos.

Máis información

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.