O presidente da Deputación e o alcalde de Culleredo asinan o convenio colaborativo para o financiamento do centro ocupacional A Escada

A institución provincial aportará 70.000 euros para o único centro destas características da área metropolitana

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, asinaron esta mañá no pazo provincial o convenio de colaboración para o financiamento do centro ocupacional A Escada, o único centro destas características da área metropolitana e ao que acode alumnado de todos os puntos da contorna.

Así, a institución provincial aportará 70.000 euros, o que supón o 48,53% dos gastos que presenta este servizo durante o 2021, e a Administración local achegará o restante 51,47%, uns 74.000 euros.

A Escada é un dos cinco centros existentes en Galicia destas características, de carácter público, formativo e pre-laboral para persoas adultas con discapacidade intelectual media no que se contempla o fomento de habilidade laborais, terapia ocupacional e de axuste persoal, orientándose ao emprego diario ou ao emprego en empresas protexidas como Centros Especiais de Emprego.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou a relevancia de contar “na provincia” cun centro “destas características”, “á vangarda en integración e a formación para persoas con discapacidade intelectual media, no que se busca incrementar a autoestima e habilidades das persoas usuarias”.

Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, contemplou este convenio como “un avance moi importante para continuar a nosa liña de traballo en benestar social”, e quixo agradecer “ao presidente da Deputación da Coruña” a súa colaboración para que este centro continúe a desenvolver un “servizo puramente municipal”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.