O Ultimate Downhill do Tea actualiza a nómina de campións de Galicia de Descenso

As emocións fortes están garantidas este domingo en Ponteareas. O Descenso autonómico reactívase despois do obrigado parón pola pandemia e na súa primeira proba da temporada póñense en xogo as camisolas de campións de Galicia 2021. O Pontebike Team será o club anfitrión no Monte da Picaraña

O trazado do Ultimate Downhill do Tea ten unha lonxitude de 1,4 quilómetros. A metade desa distancia pertence ao antigo circuíto do DH da Picaraña e os outros 700 metros foron preparados polo Pontebike para estrearse de xeito oficial neste evento. Os corredores galegos e portugueses que xa probaron o percorrido puideron contrastar a calidade deste descenso, moi técnico e que examinará a habilidade dos riders.

Os 123 inscritos, que representan a quince clubs do panorama autonómico, comezarán a competir ás 11:00 horas coa quenda clasificatoria. Os tempos marcados na primeira baixada cronometrada establecerán a orde de saída na gran final, co seu inicio previsto para as 12:30 horas. O Pontebike agarda que sexa unha xornada na que todos os riders desfruten e, deste xeito, se vexa recompensado o traballo realizado polos compoñentes do club para poñer a punto o circuíto.

Tras non poder celebrarse o pasado ano debido á crise sanitaria da COVID, o Campionato de Galicia de DHI leva sen actualizar o seu palmarés dende o 2019. Hai dous anos a nómina de gañadores compuxérona Uxía Álvarez e Raúl Miranda en cadetes, Marco Martínez nos juniors, Víctor Mariño nos sub23, Gemma Seoane e Marco Veiga en elites, Estefanía Cabarcos e Manuel Pellón en máster-30 e José Manuel Verdía en máster-40.

O Pontebike agradece a axuda recibida por parte do Concello de Ponteareas e Sportkids, así como da Casa Cultural e da Comunidade de Montes de Arcos por todas as facilidades ofrecidas para sacar adiante esta cita. A Diocese de Tui-Vigo tamén colaborou coa organización cedendo uns terreos nos que se habilitará o aparcamento dos participantes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.