Gómez Reino: «Hai que buscar un equilibrio entre a transición enerxética e o respecto pola natureza e a súa fauna»

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa parlamentaria para o desenvolvemento de medidas específicas ante o incremento da mortaldade nas aves polo aumento do tamaño e potencia de aeroxeneradores instalados en parques eólicos.

Debido ao avance destas tecnoloxías as taxas de accidentalidade das aves incrementouse gravemente, algo que foi denunciado por Ecoloxistas en Acción tralos estudos realizados en Estados Unidos e Europa de varios parques eólicos do Estado, cuxos resultados apuntan nesta dirección.

Por exemplo, no parque de Cavar (Navarra) 32 aeroxeneradores ocasionaron 89 colisións de rapaces nos seus dez primeiros meses de funcionamento, 80 de elas de voitres leonados. Nos parques de A Nava e Os Cierzos (Zaragoza), as organizacións Ansar e Amigos da Terra detectaron en 2020 110 aves e 297 morcegos accidentados.

O documento rexistrado ante o Congreso e firmado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de Uralde, pide ao Ministerio números concretos das colisións e mortaldade de avifauna dos últimos dez anos, e insta a valorar a posibilidade de dar prioridade a outras tecnoloxías que non sexan tan prexudiciais para os animais.

Gómez Reino considerou que  «coa ofensiva eólica que estamos vendo en todo o Estado e especialmente en Galicia a mortaldade das aves aumentará aínda máis se non actuamos pronto». Así o dixo na concentración «Aldeas Libres de Macroeólicos» convocada este xoves ante a Delegación do Goberno na Coruña.

«Pedimos unha moratoria eólica e unha distancia mínima estatal entre os parques eólicos e núcleos de poboación para protexer a saúde das persoas. Non se está a ter en conta o aumento do tamaño e potencia dos aeroxeneradores e non só existen repercusións para as xentes, tamén supón un risco para as poboacións de aves e de outras tantas especies. Non podemos atentar desta maneira contra os ecosistemas e hai que buscar un equilibrio entre a transición enerxética e o respecto pola natureza e a súa fauna».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.