Renovar os votos. Por Piñeiro Docampo

Ás portas do 25 de xullo, cada ano, fago unha reflexión, cal é a mellor forma de sentirse un patriota galego? E cada ano contéstome  o mesmo: non existe unha mellor forma, todas son boas, sentir Galicia non é unha filosofía que se poda modular ou  poñer baixo unha regra. Sentirse patriota de Galicia  é unha acción de cada quen, como cada quen escolla, sen imposicións. Si o sentimento e verdadeiro e a saudade é limpa.

O que si significa, polo  menos para min, o día Nacional de Galicia, é unha renovación dos votos, do compromiso de loita por unha Galicia con futuro, con identidade, con bilateralidade e sobre todo dona de seu e das súas decisións. Galicia é hoxe a nación histórica do Estado español con menos peso político en Madrid, con menos capacidade de atracción de políticas propias, para resolver problemas que nos son propios, que non vou a expoñer xa que todos sabemos, co risco de perder interlocución na futura configuración do Estado.

É unha renovación de votos, o día da Patria, no senso de que acredito na realidade de que a política galega sofre unha anomalía. Non se pode construír un País soamente coa visión desde a esquerda, máis difícil se cabe cando esa esquerda mira a Cuba, Venezuela, Corea Norte… quen pode acreditar en facer nación sen unha parte maioritaria da propia Nación? Un voto de reafirmarse para o impulso dunha acción política transversal e de progreso que nova dunha vez por todas os marcos de aqueles que teñen usurpado e roubado o discurso do nacionalismo socialdemócrata, socio liberal e mesmo demócrata cristián. Alguén pensa que se pode facer Galicia de costas a esta realidade? Cando menos unha nación plena, cunha relación  bilateral en España dentro de Europa, non.

É o día 25 de xullo, a renovación dos votos da defensa dunha Galicia fortemente Europa, para moitos Europa é a mellor forma de ser Galeguista, o noso é por forza da historia un pobo global, con moitas raíces tamén en Europa de todos aqueles que se asentaron no noso territorio. Un pobo presente en toda a orbe e que ten claro ademais que o mundo é redondo e que se pode vir a Galicia desde tódalas direccións, e sentirse plenamente galego. Unha nación que quere estar en Europa, que quere que ese sexa o modelo social de construción común, de resposta solidaria e de defensa do noso xeito de vida. Vexo aquí tamén unha necesidade, a da acción política nacional que acredite nese camiño europeo, e niso estamos.

Viva Galicia, o 25 de xullo e todo o ano, o meu compromiso é con Galicia, Galicia co sentimento de Rosalía, coa maxia de Cunqueiro e coa valentía de Castelao.

Piñeiro Docampo, 

Sº XERAL DE CxG

MEMBRO DO CONSELLO DO PARTIDO DEMÓCRATA EUROPEO

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.