Reservadas xa o 85% das prazas dispoñibles nos catamaráns da Ribeira Sacra para este mes e o de agosto

Máis de 10.000 persoas fixeron as rutas fluviais polo Miño e o Sil dende que arrancou este servizo público no mes de marzo, o que dá “boa conta do retorno económico que ten esta oferta turística da Deputación de Lugo”

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou este venres de que, a día de hoxe, está cuberto practicamente o 85% das prazas dispoñibles para facer as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. “Pensamos que son cifras moi importantes nunha tempada que consideramos clave para a recuperación dos sectores máis afectados pola pandemia, como son a hostalería, o turismo e o comercio”, subliñou García Porto.

As dúas rutas que o organismo provincial ofrece polos leitos dos ríos Miño e Sil xa rexistraron máis de 10.000 viaxeiros -máis de 8.000 persoas segundo os rexistros do embarcadoiro de Ponte do Sil e por riba dos 2.000 no de Belesar- dende que arrancou a presente tempada no mes de marzo e, segundo explicou a Deputada de Turismo, na actualidade está practicamente todo completo para os meses de verán, “o que dá boa conta do retorno económico que ten esta oferta turística, sobre todo no sector servizos”, porque tal e como valorou Pilar García Porto, “os catamaráns contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo”.

A Deputada explicou que “desde que comezou este mes de xullo cambiou totalmente o perfil do visitante. Se antes era maioritariamente galego, agora é sobre todo de fóra de Galicia. Nun 80% son viaxeiros do resto de España, pero aínda temos pouca representación de turista internacional”.

García Porto comentou que “outra boa nova deste mes é que o servizo de catamaráns da Deputación de Lugo recuperou as viaxes en grupo. Reservas de 30 ou 40 persoas que completan dunha vez a metade das prazas dunha das embarcacións”.

“Levamos tempo traballando para consolidar un modelo de turismo sostible, de calidade, que promove un fluxo de visitantes ó longo de todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego no rural, e dende logo, o servizo público de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra é unha parte central deste traballo e deste modelo de turismo, como o son tamén outras iniciativas que impulsamos dende a área de Turismo, como, por exemplo, o programa Coñece a túa Provincia, viaxes gratuítas pola provincia para entidades sen ánimo de lucro, para as que temos aberta a inscrición ata o final deste mes”, lembrou García Porto.

Reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.