Vilalba Aberta levará a Pleno a necesidade dunha relación de postos de traballo no concello

Vilalba Aberta ven facer público o rexistro dunha nova iniciativa de cara ao Pleno Ordinario de Xullo. A proposta, que tal e como explican dende a formación municipalista, ten como obxectivo «rematar cos continuados atrasos administrativos, así como cos que día a día se producen na propia xestión dos servizos prestados polo Concello», pretende, ao tempo, o “necesario reforzo e organización do persoal municipal e o obrigado estudo da duración e a tipoloxía da totalidade dos contratos”

A formación reclamará, así, por segunda vez no que vai de lexislatura, que se desbloquee a elaboración dunha RPT (Relación de Postos de Traballo) que – lembran – “segue pendente, máis de dous anos despois do cambio de goberno”.

O voceiro de  Vilalba Aberta, Modesto Renda, asegurou que «existen moitas razóns polas que o goberno local debe desbloquear a  RPT, entre elas, cubrir as vacantes, a redefinición de postos actualmente desfasados ou a cobertura de novas necesidades derivadas da lóxica evolución administración».

«Dende Vilalba Aberta queremos que a veciñanza de vila e parroquias conte con todos os servizos que mantén cos seus impostos, e que o Concello debe garantir, polo que se deben superar as carencias causadas pola falta de persoal en intervención, urbanismo, administración xeral ou Policía Local entre outros», remarcou.

Unha opinión compartida pola súa compañeira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen vinculou necesidade de aprobar a R.P.T coa “desexable xestión pública de servizos municipais privatizados polo PP, tales como o de limpeza nos colexios e instalacións municipais”.

Para Fernández, o que está a acontecer con este servizo non fixo máis que pór de manifesto o conxunto de eivas dun modelo de xestión “abertamente ineficaz”, así como a necesidade de “impulsar un cambio de paradigma que aposte pola xestión pública deste tipo de servizos”.

“A R.P.T é un instrumento organizativo que, máis alá de permitirlle ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo, está pensada para facelo en función da necesidade dos servizos que teñan, o que abriría a porta á prestación directa de servizos actualmente privatizados e de aí tamén a nosa proposta”, apuntou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.