A cantante Aitana abrirá o 23 de outubro a programación de outono do Coliséum da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, lembra o éxito dos concertos de Pablo López no multiusos herculino: “Tanto a organización do espectáculo como o público contribuíron a posicionar A Coruña como capital da cultura segura”

O próximo 23 de outubro, o Concello da Coruña traerá ao Coliséum o concerto de Aitana, coñecida por participar na novena tempada do programa televisivo Operación Triunfo. A actuación da cantante e compositora española, que presentará a súa xira “11 Razones Tour”, abrirá a programación de outono 2021 do recinto herculino. Será a segunda vez que Aitana visita o multiusos coruñés, despois do seu debut en xullo de 2019 ante 4.000 persoas.

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, lembra o éxito dos concertos de Pablo López no Coliséum o pasado mes de xullo, con 1.500 espectadores por día, ao que a Dirección Xeral de Saúde Pública deu a súa aprobación polas súas condicións organizativas. “Tanto a organización do espectáculo como o público contribuíron a posicionar A Coruña como capital da cultura segura”, sinalou Rey.

As entradas poranse á venda o luns, 30 de agosto, ás 11.00 h. en www.coliseum.sacatuentrada.es, no despacho de tickets da praza de Ourense, en www.ataquilla.com e na web www.aitanamusic.es con prezos que oscilan entre os 38 e os 48 euros (segundo a zona) máis gastos de distribución.

O concerto contará cunha capacidade máxima reducida, as entradas serán nominais e o público permanecerá sentado durante todo o espectáculo. Ademais, as localidades estarán numeradas e ocuparanse respectando a distancia interpersoal de seguridade.
Desde o Concello anuncian que o resto da programación da tempada outono 2021 do Coliséum irase desvelando durante as vindeiras semanas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.