A Deputación adxudica as obras da nova senda ciclista de Cecebre

A senda terá 32 quilómetros de lonxitude e enlazará coa Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura dos contratos para a execución das obras de construción da nova senda ciclista que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia, e conectará co concello de Carral. Trátase de 32 novos kilómetros de ruta que discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral, constituíndo unha alternativa perfecta para coller a bicicleta ou pasear.

O investimento das obras, cofinanciadas nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía  (IDAE), ascende a 1.742.073 euros e teñen un prazo de execución de 10 meses, polo que estarán rematadas para o vindeiro verán.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que a Deputación “está a facer unha importante aposta para promover un novo modelo de mobilidade sostible na nosa provincia, no que a bicicleta cobra un gran protagonismo” e explicou que a través deste tipo de proxectos, o ente provincial “pretende contribuír a unha mellora da vertebración do territorio, chegando as senda ciclistas non só as grandes cidades e o seu entorno, senón tamén aos territorios do rural”.

Uns proxectos que, segundo explicou o presidente da Deputación, «suman un importante investimento de máis de 9 millóns de euros e que permitirán crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia» con proxectos singulares coma esta ruta ciclista na contona do encoro de Cecebre; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda, ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.

Destes 9 millóns de euros, 7,2 proveñen de fondos FEDER a través das axudas que convoca o IDAE para proxectos de economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes e os restantes 1,8 millóns son financiados con fondos propios da Deputación da Coruña.

Unha ruta a carón da ribeira do encoro de Cecebre

Esta nova senda ciclista contará con tres tramos diferenciados, o primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral e ven de ser adxudicado por 661.010 euros. O segundo e terceiro discorrerán por Abegondo e Carral, contando o primeiro con 631.886 euros de investimento e con 449.177 euros o segundo.

O novo carril bici discorrerá en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometerá diferentes actuacións que permitirán compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.

A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorrerá ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.