A Deputación destina 1,5M€ para impulsar o deporte coruñés

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas “apoian a centos de clubs para que a provincia da Coruña continúe á vangarda do deporte galego”

A Deputación da Coruña destina preto de 1,5 millóns de euros para impulsar o deporte da provincia. Faino a través de tres liñas de axuda que permitirán dar apoio aos clubs e entidades deportivas coruñesas na organización de eventos, no impulso de iniciativas que fomenten a actividade física e na adquisición de equipamento e mellora de infraestruturas.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a concesión provisional de ditas subvencións, que ao sumarse alcanzan un total de 1.495.380 euros.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas achegas “apoian a centos de clubs para que a provincia da Coruña continúe á vangarda do deporte galego” e “supoñen un apoio importante para que sigan desenvolvendo a súa actividade, tanto no fomento da actividade física, como no adestramento dos seus e das súas deportistas nunhas condicións axeitadas para avanzar na súa carreira deportiva”, sinalou.

“As subvencións para eventos na provincia tamén permiten situar á provincia da Coruña como referente en diversas disciplinas a través de campionatos nacionais internacionais de diferentes disciplinas deportivas”, apuntou da deputada de Deportes

Axudas ao desenvolvemento de grandes eventos deportivos singulares

O ente provincial dedica un total de 598.153 euros ao impulso da organización de eventos deportivos singulares na provincia. As entidades beneficiarias desta liña recibirán entre un mínimo de 8.497 euros e un máximo de 35.000 euros. A través de ditas achegas, a Deputación colabora no desenvolvemento de iniciativas de múltiples ámbitos, como poden ser o do automóbil, o ciclismo, a hípica, o surf, o baloncesto ou o voleibol, entre outros.

O Rallye Terra da Auga-Camiño de Santiago, Equiocio, ABANCA Pantín Classic Galicia ou a XIX Volta Ciclista á provincia da Coruña son algúns dos 26 eventos deportivos que este ano contan co apoio da área de Deportes da Deputación da Coruña.

Toda a información sobre a concesión provisional destas achegas

Subvencións para o fomento da actividade física e o deporte

Un total de 105 entidades deportivas da provincia recibirán 448.160 euros de achega provincial para o fomento do deporte nas diferentes disciplinas. As contías a percibir oscilan entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 8.500 euros.

A través destas axudas financiaranse iniciativas como torneos e probas deportivas, novos programas deportivos para a mocidade, eventos, iniciativas de promoción, xornadas escolares, congresos, cursos, talleres de iniciación ao deporte,andainas ou carreiras.

Toda a información sobre a concesión provisional destas achegas

Mellora de equipamentos e infraestruturas

A Deputación tamén reserva parte do orzamento dedicado ao deporte para cofinanciar a adquisición de novo equipamento e a mellora e acondicionamento das infraestruturas empregadas polos clubs e entidades.

Para isto habilita unha liña de subvencións que achegará a 108 entidade un total de 449.066 euros para poder mercar novo material, adquirir medios de transporte de equipamentos, acondicionar espazos, adquirir embarcacións ou realizar melloras en materias de eficiencia enerxética. As contías van de un mínimo de 1.250 euros e un máximo de 6.562 euros.

Toda a información sobre a concesión provisional destas achegas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.