A Tarxeta Cidadá de Lugo será facilitada ás asociacións de xubilados e pensionistas

Rubén Arroxo entregou 30 tarxetas do bus ás socias e socios da Asociación de Xubilados e Pensionistas. O Goberno de Lugo adquire 10.000 novas tarxetas cidadás

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto coa edil de Participación, Cristina López, entregaron a Tarxeta Cidadá ás integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo. Arroxo explicou que «desde as áreas de Mobilidade e Participación continuamos a colaborar con entidades e colectivos para que toda a veciñanza poida obter a tarxeta cidadá».

30 socias e socios da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo recibiron hoxe a súa tarxeta cidadá, o que lles permitirá aforrar ata o 50% no prezo do billete de bus urbano.

«Unha das solicitudes que recibimos por parte deste colectivo foi aumentar as conexións co HULA, o que se convertiu nun dos cambios máis importantes no novo modelo de transporte urbano, ao aumentarse en 8 barrios máis as conexións directas co HULA con respecto ao modelo anterior», explicou o Tenente Alcalde que engadiu «as novas liñas melloran as conexións nas zonas urbanas e periurbanas, aumentando as frecuencias e as zonas ás que chega o bus, ao que se une a posibilidade de facer transbordo con pouco tempo de espera, o que facilita os desprazamentos en bus urbano«.

Novas Tarxetas Cidadás

O Concello de Lugo aprobará mañá a adquisición de 10.000 novas tarxetas cidadás. Rubén Arroxo explicou que «coa entrada das novas liñas é o momento de que a veciñanza de Lugo se anime a obter a tarxeta, que ademais de reducir o custo de cada viaxe  ata nun 50% permite tamén axilizar a entrada no bus».

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público. O Tenente Alcalde destacou que «Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado».

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.