As deputacións da Coruña e Huelva comparten experiencias fronte ao reto demográfico

Valentín González Formoso reuniuse hoxe coa súa homóloga onubense, María Eugenia Limón. Ambos coincidiron en destacar o importante papel que xogan as deputación na loita contra a despoboación do rural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo) coa súa homóloga da Diputación de Huelva, María Eugenia Limón, coa que abordou distintos aspectos da xestión de ambas institucións provinciais en aspectos coma a reactivación económica tras a pandemia ou as estratexias fronte ao reto demográfico e a despoboación do rural. Ambos os dous mandatarios coincidiron en destacar o importante papel que xogan as deputacións neste asunto clave.

González Formoso interesouse pola estratexia de loita contra o baleiramento do rural que o Goberno de Maria Eugenia Limón está a levar a cabo, cun investimento de máis de 60 millóns de euros e, en particular, polo  modelo de oficinas comarcais que a Deputación onubense está a implementar para “afianzar población no territorio, atraer empresas e xerar emprego” nunha provincia na que o 75% dos municipios conta con menos de 5.000 habitantes.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Huelva interesouse polo modelo de Rede Provincial de Espazos de Coworking que está a desenvolver a Deputación da Coruña e que  aglutina distintos espazos de traballo de carácter sectorial. Actualmente esta rede está conformada polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o coworking do Fórum de Carballo, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o coworking A Proa en Ames, Emprende-LAB Barbanza de Boiro e polo centro comarcal de desenvolvemento rural de Moeche. Cada un deles está especializado nun sector profesional determinado, o que favorece sinerxias á hora de pór en marcha novos proxectos empresariais.

González Formoso explicou que o obxectivo principal desta Rede, pioneira en Galicia, é aproveitar as potencialidades de cada territorio fomentando o emprego e dinamizando o tecido empresarial das comarcas, así como  ofrecer oportunidades para o emprendemento no ámbito rural que eviten o despoboamento, un dos principais problemas tamén de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.