BNG Oleiros. Nova mostra de LGBTIfobia na porta dun centro educativo de Oleiros

Unha nova mostra de odio lgbtifóbico volve aparecer na entrada principal dun dos centros educativos públicos de Oleiros.

A finais da semana pasada, probabelmente entre o mércores e o xoves, foron vandalizadas a bandeira do arco da vella, símbolo da loita pola diversidade afectivo-sexual e mais unha mensaxe que dicía «aquí antes había unha pintada homófoba», na entrada principal do IES Miraflores, na capital municipal (como se ve na imaxe que se achega).
Dita bandeira e ditas mensaxes contra a intolerancia foran feitas por militantes do BNG de Oleiros o pasado 11 de xullo para eliminar varias pintadas homófobas que levaban lixando o muro do principal acceso ao centro escolar desde había varios anos. Só uns días antes a entrada doutro instituto de secundaria do noso municipio, o IES Xosé Neira Vilas de Perillo, sufría outra pintada co mesmo carácter homófobo.
O BNG amósase moi preocupado con esta escalada de mensaxes de odio, sen precedentes no noso concello, e máis aínda polos lugares concretos onde aparecen: os centros escolares. Con todo, cando a intolerancia arrecia, limitarse a expresar preocupación sen facer máis nada non é unha opción. Así, o BNG organizará unha nova acción directa similar á do pasado 11 de xullo para o vindeiro domingo, día 15, ás 11 da mañá, e anima a participar nela a toda a veciñanza que se queira achegar.
Ao mesmo tempo, o BNG anima a dirección do IES Miraflores a seguir o exemplo da do Neira Vilas e denunciar estes feitos diante da Garda Civil e pídelle á Consellaría de Educación que «saia do seu letargo estival» e tome a iniciativa frente á aparición de mensaxes de odio en instalacións da súa titularidade.
Por último, o BNG quere agradecer moi sinceramente a colaboración veciñal na detección deste novo acto de lgbtifobia e poñer en valor o feito de que fosen persoas moi novas, estudantes de Secundaria, as que o comunicaron.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.