Comunicado do Bloque Nacionalista Galego de Malpica

O BNG de Malpica logo de coñecer os resultados das eleccións municipais pasadas, enfrontou un fondo debate sobre propiciar un cambio de goberno no concello e se a nosa organización debía ou non participar activamente nese novo escenario entrando a formar parte desa nova equipa, que estaría conformada por tres forzas políticas moi diferentes. A militancia decidiu maioritariamente que o cambio era necesario e que o BNG debía ser un actor fundamental nese proceso formando parte do goberno

Atopámonos pois practicamente no medio dun mandato totalmente anómalo, marcado por unha pandemia de carácter global e na que, case ao inicio deste, tivemos que confinarnos e enfrontar graves problemas sanitarios e sociais da nosa veciñanza dende as casas, e nun escenario de total descoñecemento do que había que facer ou non en cada circunstancia que ía xurdindo, como lle aconteceu a todas as administracións, e cremos que o Goberno de Malpica estivo á altura dos acontecementos. Xestionamos, programamos, atendemos e acompañamos á nosa sociedade, con todas as dificultades que tiña a situación e que aínda ten para moitas cousas.

Mais neste tempo non estivemos paradxs, o concello moveuse e fomos facendo que se recuperara a actividade dentro das medidas que se ían decretando en cada momento concreto da pandemia. Sempre respectando a normativa vixente e con tódalas precaucións, e incluso no confinamento, programouse cultura, deporte, executáronse as obras previstas e os servizos funcionaron con intensidade. Agora mesmo, calquera que pasee por Malpica, e coa Mostra de Olería de Buño recentemente rematada, pode comprobar o pulso do concello e a oferta de actividades para a nosa veciñanza e a xente que nos visita, sempre intentando manter a lealdade desde as nosas áreas de goberno, e a colaboración coas entidades locais e coa veciñanza, mantendo os valores culturais e sociais que nos caracterizan.

Hoxe, no momento en que a vacinación está traendo a esperanza fronte á COVID19, o Goberno de Malpica conta con proxectos froito de dous anos de planificación a través do Plan Único da Deputación, e co orzamento necesario para executalos, así como diversos proxectos urxentes e necesarios para Malpica, as súas parroquias e a súa vila que estaban previstos no goberno ou diferentes convenios en tramitación para potenciar o noso patrimonio, e mesmo coa posibilidade de que os fondos europeos nos permitan aínda máis capacidade de xestión. Mais iso, tamén o sabe o Partido Popular, e quere rendabilizalo apoiándose incribelmente na persoa a quen máis criticou e mesmo atacou nestes anos de tripartito.

Calquera goberno, mesmo os monocolores, teñen as súas tensións, as súas diferenzas e os seus debates internos e un tripartito como o de Malpica non estivo exento delas. Mais, a cultura democrática do BNG, baseada fondamente no diálogo e no debate, fai que nos enfrontemos ás diferenzas como camiño para chegar a acordos, e así o fixemos durante todo este tempo, buscando que o que saíra dos debates fose o mellor para a sociedade de Malpica. Lamentamos que outras forzas políticas carezan da cintura política suficiente para xestionar en positivo os debates e as diferenzas, nós sempre debateremos en beneficio de Malpica.

Agardamos que o tempo, ese elector implacábel, e a reflexión da sociedade malpicana poña a cadaquén no seu lugar e saiba premiar e castigar as posturas duns e doutrxs. Mentres tanto, o BNG vai seguir traballando polos intereses da veciñanza do noso concello levando a pleno as cuestións que conforman o noso plan de traballo para este mandato e que figuraban no noso programa electoral e no noso acordo de goberno.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.