Concello da Coruña e CITIC colaboran para deseñar un mapa de Zonas de Baixas Emisións na cidade

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou que tamén se porá en marcha un centro de xestión da mobilidade

O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, anunciou esta mañá que o Concello e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, CITIC, traballarán conxuntamente no deseño, desenvolvemento e implantación de Zonas de Baixas Emisións, ZBE, e na dixitalización da mobilidade da cidade. Para iso, o concelleiro asinou unha declaración de intencións co director do CITIC , Manuel González Penedo, nun acto que tivo lugar no centro de investigación no campus de Elviña. Ambos os proxectos serán presentados para optar aos fondos Next Generation.

“O obxectivo do Goberno de Inés Rey é pór en marcha un proxecto integrador e global que abarcará todos os procesos para xestionar, impulsar e acelerar a transición cara a unha mobilidade sostible segura inherente á instauración da Cidade 30 como marco urbano en que se poidan cumprir cos obxectivos do desenvolvemento sostible”, dixo o edil, que lembrou que os cambios nas velocidades nas vías urbanas e travesías teñen como obxectivo acadar unha mobilidade máis saudable e sostible, xa que permiten mellorar a calidade do aire ao emitirse menos gases.

Villoslada sinalou que a dixitalización dos sistemas de xestión do tráfico e a aplicación das últimas tecnoloxías permitirá que a mobilidade das persoas e as mercadorías sexa máis eficiente. Crearase un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos. Con isto, apuntou, búscase saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles ou o ciclo semafórico. Ademais, queremos pór en marcha un plan de establecemento de Zonas de Baixas Emisións para cumprir as directrices que marcarán a nova lei de cambio climático.

Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel González Penedo, apuntou que dende o CITIC están a disposición do Concello, así como de toda a cidadanía, para poñer ao alcance da sociedade as nosas capacidades. “Esta é unha grande oportunidade para contribuír dende o CITIC, como socio tecnolóxico do Concello, a situar A Coruña como unha cidade máis verde e dixital, achegando a nosa experiencia no ámbito da intelixencia artificial”, dixo.

Villoslada lembrou que desde a Concellería de Medio Ambiente estase a traballar para pór en marcha os medios necesarios para a avaliación da calidade ambiental ligada á futura creación de Zona de Baixas Emisións, que se propón levar a cabo en dous aneis, o exterior na Rolda de Outeiro. A día de hoxe o Concello dispón dunha rede moi ampla de estacións de calidade do aire cuxos datos permitirán monitorizar o estado da cidade co obxecto de conformar un primeiro cinto, onde se dará un seguimento máis intenso, e un segundo, o exterior na Rolda de Outeiro, segundo marcan as liñas estratéxicas da Unión Europea.

O Concello conta cunha rede de control de contaminación acústica con 10 localizacións ao longo da cidade. Todo iso xunto co convenio coa AEMET, o mapa de ruídos e outros mecanismos de análises facilitarán a obtención dun inventario de emisións real e actualizado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.