Concello de Narón e a cooperativa do Val inician a campaña promocional do pemento do Couto

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e a xerente da Cooperativa do Val, Marta Vázquez, presentaron esta mañá no Concello a campaña promocional do Pemento do Couto

O edil naronés explicou que a finalidade desta iniciativa, impulsada dende o Consistorio en colaboración coa citada cooperativa local, “é dar valor a este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP), incrementando o seu valor engadido e tamén destacando as posibilidades que ofrece a súa produción”.

Pita explicou que a campaña consiste na instalación de cinco vallas publicitarias do pemento do Couto, que se instalarán hoxe mesmo en diferentes ubicacións do termo municipal: estrada de Castela-Piñeiros; estrada de Castela-Ponte das Cabras; Centro Comercial Odeón; Polígono da Gándara-rotonda de Alcampo; estrada de Catabois-dirección Arquitecto Marcide e zona de Parque Ferrol. Así mesmo, repartiranse na Cooperativa do Val e noutros puntos dípticos informativos sobre a historia dos pementos do Couto e coa receita tradicional e tamén bolígrafos. “Temos que apoiar o pemento do Couto como produto local e de proximidade”, asegurou o concelleiro, incidindo en que a través desta campaña “apostamos por destacar que estes pementos non pican, o que os diferencia doutros que podemos atopar no mercado”.

A xerente da Cooperativa do Val agradeceu a colaboración do Concello e indicou que o pemento do Couto “é un produto digno de ensalzar”. En canto á produción do mesmo, recalcou que se trata “dunha fonte de ingresos para moitos produtores e produtoras, a maioría vencellados á cooperativa do Val pero hai máis”. Vázquez destacou que é “un dos mellores produtos da zona, un pemento doce, con IXP propia e que ensalza a economía de proximidade dende un punto de vista importante porque se xera na zona dende o inicio”.

Na actualidade, tal e como indicou a xerente da Cooperativa do Val, a produción está no seu pico máximo. “Comercializamos de xuño a setembro e este ano hai moita produción, polo que contamos doblar as vendas do pasado ano”, indicou Vázquez.

Finalmente, o concelleiro de Promoción Económica amosou a súa confianza en que a campaña promocional dea os resultados esperados e avanzou que “dende o Concello seguiremos impulsando iniciativas como a que hoxe presentamos porque consideramos que son moi importantes para poñer en valor este tipo de produtos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.