Convocada a primeira Marcha en defensa da Casa da Neve para o 4 de setembro

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA organiza unha marcha veciñal en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve, en Celanova, onde unha empresa alemá pretende instalar un polígono eólico con máquindas de case 200 metros a menos dun quilómetro das primeiras vivendas

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convocou a súa primeira acción para facer fronte á invasión eólica na Comarca de Celanova. O próximo 4 de setembro, sábado, terá lugar unha andaina até a Casa da Neve cun recorrido duns 10 quilómetros e tres horas de duración que transitará por algunhas das aldeas máis afectadas na área onde se pretenden instalar os aeroxeneradores. A marcha sairá da explanada da piscina de Celanova ás dez da mañá.

A I Marcha en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve pretende concienciar á veciñanza dos valores ambientais, paisaxísticos e históricos da contorna da Casa da Neve e que pon en risco a invasión eólica. A andaina visitará lugares como os Pozos da Lagoa, a chaira de Amoroce ou a Moure, uns espazos que son fonte das augas das aldeas destas parroquias do sur do Concello de Celanova, as primeiras afectadas, tal e como recoñece a propia empresa promotora nun documento inicial do proxecto que pasa moi por riba destas cuestións.

O informe co que arranca a exposición pública dun proxecto xa en trámite asume que os enormes movementos de terras para a instalación das máquinas, así como as obras de vías de acceso, afectarán singularmente regatos e mananciais, ademais de que, unha vez instalados, os muíños xigantes, de case 200 metros, ocasionarán ruídos nas poboacións máis próximas, especialmente nas situadas ao oeste do polígono: Cigarrosa, Albos e Cardeo, pertencentes ao Concello de Verea.

A respecto do impacto paisaxísticos, a propia empresa recoñece que os aeroxeneradores serán visíbeis desde todos os concellos da Comarca de Celanova, e desde puntos de comarcas veciñas nun rango de máis de vinte quilómetros. Un estudo arqueolóxico municipal en Celanova advirte que a visibilidade das máquina rachará a relación do actual Mosteiro cos lugares primitivos fundacionais da vila.

Ese mesmo estudo arqueolóxico, advirte da presenza de varios elementos, desde mámoas (máis das que rexistra o informe da empresa), un castro, unha explotación mineira, as torres e o castelo do avó de San Rosendo que o documento inicial da empresa ignora, e que o arqueólogo considera «de gran importancia para a historia de Celanova e para o seu presente e futuro desenvolvemento socioeconómico», e recomenda que se «teñan en conta, non só individualmente, senón dentro do conxunto do que forman parte».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.