Defensa da tradición mariñeira de Portonovo

“Desde Somos Sanxenxo instamos ao alcalde do concello, Telmo Martín, a que defenda a tradición mariñeira de Portonovo e solicite a Portos de Galicia a reconsiderar a súa posición, cara que devolva os amarres ás embarcacións tradicionais de Amigos da Dorna, cuxa solicitude de renovación foi presentada en forma e prazo, e non incumpre ningunha lexislación vixente”

A finais deste mes fará un ano que Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, se reuníu coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas. Nela o tema a tratar foi o concurso de ideas para a remodelación do porto de Portonovo. Esperemos que este ano volvan ter unha xuntanza, na que o alcalde defenda a cultura e propoña un museo de embarcacións tradicionais á presidenta de Portos, ou é que xustamente iso non entraba dentro do seu proxecto de «remodelación»?

Que coincidencia, que en marzo acabara o permiso de amarre para o colectivo Amigos da Dorna, no pantalán que fora habilitado a un custe menor para propietarios de embarcacións de mariñeiros xubilados e embarcacións tradicionais, e que a pesares de ser tramitada a renovación dos permisos por parte desta asociación, non sexa ata un ano despois cando se traslade a decisión de denegalos. E todo iso sen facelo polo cauce habitual, que é a contestación por escrito, e coa correspondente xustificación, dada que a solicitude foi feita tamén nese formato.

Tampouco é casualidade que as prazas ocupadas polas dornas se oferten a embarcacións deportivas, as cales son máis «rentables» para as arcas de Portos, e ao mesmo tempo, achanza o camiño ao proxecto megalómano do alcalde de Sanxenxo de converter Portonovo nunha irmá xemelga de Sanxenxo, onde, tempo ao tempo, os mariñeiros serán arrinconados, e o encanto da vila de Portonovo, se os votantes non o impiden, pasará á historia converténdose nunha vila de masificación turística, onde as asociacións de recuperación e conservación das artes, embarcacións e tradicións mariñeiras desaparecerán.

Somos Sanxenxo, abogamos por un Portonovo vivo, onde cada recuncho evoque as tradicións mariñeiras da vila, onde o que se ofrezca sexa diferente, un respiro fresco de cultura e tradición, unha aposta pola cultura dos oficios mariñeiros e a súa gastronomía, co produto fresco do mar recén recollido polos nosos mariñeiros e mariñeiras; unha vila que non dependa única e exclusivamente do sol e praia nin do turismo de botellón.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.