Deputación da Coruña, Fundación Paideia e a EOI desenvolverán un proxecto para potenciar o emprego e o emprendemento no ámbito do márketing dixital

O proxecto permitirá a creación de dúas cooperativas en dous concellos da provincia promovidas por xente nova en situación de desemprego

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Fundación Paideia, Sandra Ortega, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento das actividades formativas e das actividades de xeración de coñecemento da primeira fase do proxecto, dentro do Plan de Emprego Local.

A Fundación Paideia, a Escola de Organización Industrial (EOI) da Secretaría Xeral de Industria e Peme do Ministerio de Industria e a Deputación da Coruña, asinaron un Acordo Marco de Colaboración que ten como obxectivo o desenvolvemento dun proxecto para potenciar o emprego a través do autoemprego e o emprendemento colectivo no sector do marketing dixital, sector con amplas perspectivas laborais.

No marco deste acordo xurde o proxecto obxecto do convenio asinado hoxe entre a Deputación e a Fundación Paideia:  “Marketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo”.

Oportunidades no márketing dixital

O obxectivo  deste proxecto é formar á mocidade e ofrecerlles posibilidades de autoemprego e emprendemento no sector do marketing dixital, proporcionándolles formación práctica nos pasos a seguir para a creación dunha cooperativa.

O proxecto conforma unha experiencia piloto na que se combina a formación para o emprego co apoio á posta en marcha real e efectiva de actividade emprendedora, dirixida a un sector vulnerable da sociedade como é a mocidade desempregada.

Tras a realización dunha primeira fase formativa en dous concellos da provincia, organizada pola Fundación Paideia en colaboración coa EOI, seleccionaranse á  mellor proposta de cada un para continuar cunha segunda fase do programa, que é a que se corresponde co obxecto do convenio hoxe asinado.

Estas dúas cooperativas do sector do marketing dixital, impulsadas por xente nova en dous concellos da provincia, contarán co asesoramento para a constitución da súa cooperativa, así como os gastos derivados do seu primeiro ano de funcionamento.

Mediante a sinatura do convenio de colaboración a Deputación se compromete a cofinanciar con 145.275,00 euros este proxecto, o que supón o 75% do seu custo.

Unha vez máis a Deputación presta o seu apoio a un dos colectivos máis vulnerables do mercado laboral, a mocidade, prestándolles as ferramentas necesarias para que se formen nun campo con amplas perspectivas laborais como é o marketing dixital e sempre fomentando a economía social, impulsando a creación de novas cooperativas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.