Esperas de 3 anos para ser atendido por un especialista, “a cara oculta do Sergas do PP”

O BNG mantivo un encontro aberto con doentes do SERGAS nas inmediacións do centro de especialidades do Ventorrillo

O portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera e a deputada autonómica Mercedes Queixas actuaron como anfitrións dun grupo de cidadáns, usuarios do SERGAS que relataron en primeira persoa, con papeis na man, as situacions máis disparatadas vividas en carne propia no Servizo Galego de Saúde. Dende avaliacións por teléfono da evolución dunha esclerose dexenerativa até 3 anos de agarda por unha cita oftalmolóxica que, segundo os propios profesionais da sanidade pública, debería ter sido axendada a un máximo de seis meses vista (nunca mellor dito). Resignación cun punto carraxe, intercambio de vivencias, postas en común das experiencias, en certa maneira: terapia de grupo. E no fondo a constatación de que o sistema sanitario galego non funciona, e cando o fai, faino en grande medida «pola profesionalidade dos seus profesionais» como explicitou unha das intervintes.

Ao pé do centro de especialidades do Ventorrillo, Francisco Jorquera puido constatar fite a fite  «como A Coruña e a súa área sanitaria sofren listas de agarda inasumíbeis para un sistema sanitario que quere ser universal e de calidade». Mercedes Queixas expresou unha opinión xeralizada «se o propio sitema leva anos dicíndonos aos pacientes que temos que acudir a atención primaria xa que é ai onde se poden encamiñar moitos problemas de saúde sen ter que caer na hospitalización ou especialización crónica, o cal é tremendamente positivo para nós como persoas, pero tamén para o propio sistema porque a atención primaria, ademáis de eficiente é moito máis ecónomica para a administración que os custos dunha hospitalización, operación, tratamento crónico… como se entende este desleixo? estas listas de agarda non xa en especialidades, se non na médica de familia?».

“A denuncia da privatización encuberta, dos concertos coas grandes empresas e a necesidade de queixarse, tanto polos cauces regulamentarios como pública e políticamente, foron as constantes entre a ducia longa de intervencións que quixeron, co seu grao de area, poñerlle rostro ao desmantelamento e precarización da atención sanitaria pública que está a perpetrar a Xunta do PP» remarcou Queixas, quen garantiu que «dende o BNG seguiremos a traballar, na rúa e nas institucións, nos centros sanitarios e nas plataformas, cos doentes e cos profesionais para que a grande obra da sanidade pública galega non se veña abaixo». Todo, enfatizou Jorquera «man a man, coa xente, mirando aos ollos a quen busca da administración pública un mínimo de eficiencia e dilixencia ao tratar co máis valioso que temos, a nosa saúde, a nosa vida. Pero tamén e sobre todo, con humanidade, con corrección, con tacto e con sinceiridade. Cando recorrimos á sanidade pública, universal e gratuíta, facémolo exercitando o dereito que temos como cidadáns, pero non somos só iso, nin moito menos usuarios, pacientes ou clientes, somos persoas, e como tal debemos ser tratados».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.