Evencio Ferrero, alcalde de Carballo: “É inadmisible ter que agardar case un mes para unha cita de atención primaria. Isto á Xunta fóiselle das mans”

A situación do centro de saúde é “incomprensible”. O cualificativo utilizouno o alcalde, Evencio Ferrero, na comparecencia que realizou, acompañado polo deputado autonómico Daniel Pérez López e polo responsable comarcal do BNG de Bergantiños, Xosé Regueira, coincidindo coa presentación no Parlamento Galego de dúas iniciativas, unha proposición non de lei e unha pregunta, esixindo que se poña fin á situación actual.

 

“No centro de saúde de Carballo xa non é que se estea baixo mínimos, senón que se está nunhas condicións nas que non é admisible que se teña un mes practicamente de espera. É algo que todos estamos obrigados a denunciar, esperemos que a Consellería de Sanidade estea tomando medidas correctoras, pero isto fóiselle das mans”, apuntou o alcalde. Podedes escoitar o máis destacado das declaracións no vídeo que atoparedes ao final da nova.

A falta de previsión da Consellería de Sanidade ante as baixas de longa duración e as merecidas vacacións do persoal condenan aos nosos veciños e veciñas a agardar ata un máximo de 26 días para ser atendidos, o que, ademais de incidir na inadmisible política de desmantelamento da sanidade pública á que xa nos ten afeitos o goberno de Feijoo, está a provocar unha sobresaturación dos profesionais e do servizo de urxencias.

Iniciativas parlamentarias

Ante tal situación, o BNG, a través do deputado carballés Daniel Pérez López, presentou unha serie de iniciativas parlamentaria urxindo á Xunta a tomar as medidas precisas para que a veciñanza do noso concello dispoña dun servizo de saúde público axeitado a unha sociedade avanzada do século XXI.

Pregunta para resposta oral en pleno: “Que medidas ten pensado adoptar o goberno galego para solucionar os acuciantes problemas de sobrecarga de traballo e falla de persoal facultativo no centro de saúde de Carballo?

Proposición non de lei: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a adoptar de xeito inmediato as medidas necesarias para resolver os problemas de sobrecarga de traballo e falla de persoal facultativo no centro de saúde de Carballo.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.