Gonzalo Caballero destaca a chegada do AVE a Galicia en 2021 fronte ao «negacionismo da realidade» de Feijóo que «queda barrido pola evidencia e polos feitos»

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe os avances na chegada do AVE a Galicia en 2021 fronte á “política negacionista da realidade” do PP que, agora, “queda barrida pola evidencia e polos feitos”.

“As obras do AVE a Galicia finalizarán neste 2021, a pesar de que Feijóo dicía hai poucos meses que non ía ser así”, lamentou o líder das e dos socialistas galegos, quen pediu ao presidente da Xunta “que se desculpe” logo de que Ana Pastor mantivese paralizada a construción da alta velocidade a Galicia “durante tres anos”. En cambio, «non hai demoras derivadas dos investimentos do goberno progresista de España».

Ao fío disto, Gonzalo Caballero sinalou que “estamos desfacendo as mentiras do PP de forma continua” con medidas como as rebaixas históricas das peaxes da AP-9, o avance nas estacións intermodais ou a electrificación da vía ferroviaria ata Lugo.

“Non podemos ser cómplices da política de bronca, de regateo e de zancadillas do PP”, tendo en conta, sinalou o dirixente socialista, que “o goberno de España está traballando e facendo avances históricos” para Galicia. Precisamente por iso, prognosticou que “o discurso mentireiro do PP vai ir quedando illado”.

“É HORA DE DESPREGAR TODAS AS COMPETENCIAS E CAPACIDADES”

Noutra orde de cousas, o máximo dirixente do PSdeG puxo en valor as “políticas expansivas” marcadas polo goberno de España que “van permitir que o ano que vén a autonomía galega volva ter un máximo histórico de posibilidades de gasto público”, cos orzamentos autonómicos máis elevados ata esta data.

“En 2021 en Galicia acadamos un máximo histórico e imos poder incrementalo en 2022”, destacou, logo de incidir en que as “políticas keynesianas” son “fundamentais” para “avanzar na igualdade e na cohesión social”.

“Se a Xunta de Galicia ten unha capacidade de gasto histórica, o que necesita é vontade e eficacia para poñer eses fondos á altura do que Galicia necesita para fomentar a reactivación”, subliñou Gonzalo Caballero, xa que “non podemos permitir” que o executivo galego “siga cos brazos caídos, na inacción, non entendendo ni sabendo xestionar as posibilidades e os fondos que o goberno do Estado lle dá”.

Por iso, requiriu á Xunta “que goberne”, xa que “non pode ser que sigamos coa atención primaria debilitada, que Feijóo queira despedir a centos de profesores ou que non existan políticas de protección contra á pobreza que permitan utilizar os fondos aforrados da Risga cara aos sectores mais vulnerables”.

“É hora de despregar todas as competencias e capacidades que ten a Xunta de Galicia, porque hai fondos”, recalcou o líder socialista, partidario dunha “reactivación en igualdade con cohesión social” na medida en que “permitirá impulsar a demanda, a actividade económica e a actividade industrial”.

ANTEPROXECTO DE LEI DO CICLO DA AUGA

Por último, e en relación ao anteproxecto de lei do ciclo da auga, o líder do PSdeG lamentou que a Xunta o anuncie sen “consensualo coas forzas políticas e co municipalismo galego”. Así, respaldou que se busque coordinación entre administracións para o ciclo da auga, pero denunciou a «falla de diálogo e de vontade de acordo do PP».

“É necesario que a Xunta deixe de desprezar ao municipalismo galego”, reclamou Gonzalo Caballero, crítico con que o goberno galego rexeite “o diálogo”.

“A vocación imperativa e de falla de diálogo e consenso que Feijóo establece na lei do ciclo da auga é unha falla de respecto ao municipalismo e ás deputacións de Galicia”, subliñou, e censurou que “Feijóo despreza o diálogo e intenta poñerlles deberes unilateralmente ao municipalismo daquilo que a Xunta ten a obriga de facer pero non fai”.

Nesta liña, Gonzalo Caballero lembrou que a depuración de augas “é unha tarefa que lle corresponde ao goberno da autonomía”, polo que “non pode ser que Feijóo faga anuncios que el non paga” cando “quere pasarlle os custes aos concellos e ás deputacións sen nin sequera ter falado con eles”.

“Á Xunta gústalle sistema de invitar e prometer, pero logo non pagar, que paguen outros”, reprobou o líder do PSdeG, antes de censurar que Feijóo “prefire escapar das súas responsabilidades e pasarllas a outros”.

“O saneamento, o abastecemento e a depuración de augas son fundamentais no proxecto que o PSdeG ten para unha Galicia verde, ecolóxica e que defende o noso medio natural”, reivindicou o dirixente socialista, quen incidiu en que “coidar as augas e tratalas é fundamental para poder avanzar cara ao modelo de sostenibilidade que ten o país”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.