Gonzalo Caballero presenta as liñas claves de futuro do socialismo galego

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que a comisión executiva nacional do PSdeG abriu o proceso para iniciar a elaboración da ponencia de cara ao vindeiro Congreso Nacional Galego, que se celebrará antes de final de ano. Nunha comparecencia ante os medios de comunicación esta mañá, o líder socialista explicou que galeguismo e federalismo, ecoloxismo, feminismo e compromiso de esquerdas serán as grandes liñas do PSdeG para “fortalecer e impulsar unha reactivación que priorice e chegue ás persoas”.

Con este obxectivo, o líder socialista indicou que “imos poñer a toda a organización socialista a traballar nunha ponencia que recolla un proxecto nacional galego para conseguir sacar adiante o país pensando nas persoas, xerando emprego, defendendo os servizos públicos, buscando a igualdade e a cohesión social e modernizando a Galicia”.

Neste proceso, Gonzalo Caballero comprometeuse a “poñer toda a miña capacidade en darlle ao PSdeG ese impulso para ter un gran proxecto de país, porque sabemos que a dereita non é capaz de gobernar en tempos de reactivación pensando nas persoas e porque o nacionalismo estase mirando ao espello das vías independentistas en Cataluña en vez de pensar nos galegos e nas galegas”.

AS LIÑAS CLAVE: GALEGUISMO,  ECOLOXISMO, FEMINISMO E DE ESQUERDAS

Gonzalo Caballero afondou nos catro grandes eixes do PSdeG “para os tempos da reactivación” e que definen as grandes liñas de actuación para “reconstruír Galicia tras a crise da pandemia”.

En primeiro lugar, indicou que o proxecto do PSdeG é “galeguista e federalista”, pensado na xente do conxunto do país. Necesitamos asumir  “a importancia do federalismo como mecanismo para construír a cogobernanza en España”. Isto, salientou o líder socialista, “implica tamén o municipalismo”, xa que “cando defendemos un PSdeG galeguista e federalista estamos tamén defendendo a clara compoñente municipalista dun Partido que goberna ao 55 por centos dos galegos dende as administracións locais, que goberna en cinco das sete grandes cidades de Galicia e en tres das catro deputacións provinciais”.

Afondou tamén na importancia do ecoloxismo, nuns tempos nos que “a defensa da biodiversidade e a importancia da sostenibilidade teñen que primar “á hora de elaborar todas as políticas públicas”. Neste sentido lamentou que o ecoloxismo fose “obviado e desprazado” nos doce anos de goberno de Feijoo.

O feminismo será outro dos eixes de futuro do PSdeG no obxectivo de “loitar a prol da igualdade e darlle ás mulleres un papel protagonista na Galicia do presente e do futuro”. Tamén incidíu na necesidade de “sentar as bases para que nesta crise económica as mulleres non saian máis prexudicadas”.

Ademais, Gonzalo Caballero, lembrou que ser de esquerdas e progresista “implica defender a cohesión social e a igualdade de oportunidades”, así como “os servizos públicos en pé de igualdade para todos os galegos e galegas con independencia de onde vivan e das súas condicións económicas”.

Por iso, resaltou, ”é tan imporante impulsar un proxecto progresista e de esquerdas no que os dereitos  das persoas e a igualdade primen por enriba de calquera outro tipo de ideas nacionalistas, conservadoras e liberais ou de calquera dogma que non pode estar por riba das persoas». Defendemos un proxecto de esquerdas porque «estamos comprometidos coa sanidade pública, coa educación pública, coas políticas sociais e queremos políticas económicas que xeren emprego de calidade en Galicia».

INVOLUCRAR AO CONXUNTO DA MILITANCIA

Gonzalo Caballero explicou que o proceso iniciarase coa configuración dun documento de partida, “que vai ser sometido á análise e á participación de todo o PSdeG”, dende os grupos de traballo especializados que traballan nos distintos eidos de actuación ata todos os cargos do Partido e os seus representantes institucionais.

En calquera caso, o mandatario socialista salientou o peso que vai ter o conxunto da militancia na súa elaboración, pois poderá facer aportacións e contribucións en distintas fases. Por iso, neste proceso involucrarase a todas e todos os socialistas para que poidan facer as súas achegas “nun procedemento que incorpora mecanismos de abaixo a arriba”. “É o momento de contribuír entre todos e todas a facer a mellor Galicia e ese é tamén o meu compromiso persoal”, remarcou.

Caballero, acompañado na comparecencia  por Pablo Arangüena, Ana Prieto e Marina Ortega, sinalou que a dirección do partido presentará proximamente aos ponentes que traballarán no documento de partida para a ponencia marco, á cal todos os militantes tamén poderán facer achegas.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.